Pasar al contenido principal

Os mecanismos de comunicación molecular funcionan como un ‘Xogo de Tronos’

Félix Freire e Emilio Quiñoá son investigadores do CiQUS da USC. Imaxe de arquivo
Félix Freire e Emilio Quiñoá son investigadores do CiQUS da USC. Imaxe de arquivo
Os investigadores da USC Félix Freire e Emilio Quiñoá acaban de obter un novo fito no estudo da comunicación quiral en macromoléculas ao descubrir e nomear novos fenómenos en nanomateriais intelixentes e describilos con terminoloxía bélica
Santiago de Compostela

Os investigadores da USC Félix Freire e Emilio  Quiñoá acaban de obter un novo fito no estudo da comunicación quiral en  macromoléculas ao descubrir e nomear novos fenómenos en  nanomateriais intelixentes. Os científicos pertencentes ao grupo de  Polímeros  Helicoidais, Sensores e  Nanoestruturas do Centro Singular de Investigación en Química  Biolóxica e  Materiais Moleculares da USC (CiQUS), realizan unha  analoxía coa serie Xogo de Tronos para determinar quen goberna a estrutura do material, os  polímeros, á hora de explicar como este avance amplía a maneira de relacionarse entre entes quirais en materiais intelixentes sensibles a estímulos.

A investigación recollida na revista  Angewandte  Chemie, emprega termos como “sarxentos e soldados”, así como “conflito  quiral”, que reflicten os distintos “enfrontamentos” que teñen lugar entre diferentes compoñentes moleculares en  polímeros  helicoidais para dirixir o sentido de xiro de hélice final no material.

No artigo titulado ‘From  Sergeants  and  Soldiers  to  Chiral  Conflict  Effects  in  Helical  Polymers  by  Acting  on  the  Conformational  Composition  of  the  Comonomers’ explícase como, neste xogo, os distintos compoñentes “loitan” para obter o poder e dirixir así a estrutura do material. A estes compoñentes chámanselles “sarxentos” ou “soldados” dependendo do rol que desempeñan en cada momento, que pode variar dependendo de alianzas externas ou factores ambientais. Nalgúns casos, esta loita  polo poder pode acabar en táboas.

As potenciais aplicacións deste achado van dende o desenvolvemento de novos sensores ao almacenamento de información a nivel molecular. Esta investigación contribúe a entender mellor os mecanismos de comunicación molecular, feito que permitirá o desenvolvemento de novos nanomateriais con aplicacións en biomedicina e TIC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2020.