Pasar al contenido principal

Medio cento de estudantes da USC recibiron os Premios Fin de Carreira de Galicia

Foto de familia de autoridades e persoas premiadas. FOTO: Mónica Arcay - Xunta
Foto de familia de autoridades e persoas premiadas. FOTO: Mónica Arcay - Xunta
O acto que se desenvolveu no CGAG serviu para distinguir o estudantado que finalizou as súas titulacións no curso 2023-2024
Lugo, Santiago de Compostela

Un total de 101 estudantes que remataron as súas titulacións no curso 2023-2024 foron distinguidos cos Premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia, 50 deles pertencentes á USC. O reitor Antonio López Díaz participou este venres 14, no Centro Galego de Arte Contemporánea, no acto de entrega destes galardóns xunto aos reitores da UVigo e da UDC, Manuel Reigosa e Ricardo Cao; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades de Formación Profesional, Román Rodríguez; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Alberto Díez de Castro; e o presidente da ACSUG, Juan José Nieto.  

Por áreas de coñecemento, 8 estudantes da USC foron distinguidos en Artes e Humanidades, 9 en Ciencias, 11 en Ciencias da Saúde, 16 en Ciencias Sociais e Xurídicas e 6 en Enxeñaría e Arquitectura. Dos 50 estudantes da USC galardoados, 30 son mulleres.

O reitor da USC foi o encargado de pronunciar as palabras de benvida que precederon á entrega de diplomas. Eva Sanmartín Vázquez, que cursou o grao en Bioquímica na USC e é a estudante coa terceira mellor nota de entre as persoas premiadas, interveu en representación do estudantado. Clausurou o acto o conselleiro Román Rodríguez. 

Cada un dos galardoados recibiu un diploma acreditativo e unha dotación económica de ata 3.500 euros, en recoñecemento ao seu rendemento académico e á súa traxectoria universitaria. Para optar á distinción, os candidatos debían contar cunha nota media mínima de 8,5 puntos nas ramas de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e de 7,5 puntos na rama de Enxeñaría e Arquitectura.
 

Antonio López durante a súa intervención. FOTO: Mónica Arcay - Xunta
Antonio López durante a súa intervención. FOTO: Mónica Arcay - Xunta
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.11.2025.