Mobilidade
As accións de mobilidade dos/as estudantes pretenden mellorar a calidade da educación superior e reforzar a súa dimensión, tanto nacional como internacional, fomentando a cooperación entre as universidades, potenciando os intercambios e mellorando a transparencia e o recoñecemento académico de diferentes estudos e cualificacións. Neste sentido, considéranse unha peza importante para a consecución dos obxectivos propostos no título, tanto no que se refire ás competencias xerais dos futuros egresados como ás competencias transversais a adquirir coa titulación.
A súa planificación e xestión desenvólvese a través da Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización e do Servizo de Relacións Exteriores da Universidade, en coordinación coa Escola Politécnica Superior a través da “Unidade de apoio á xestión de centros e departamentos” (UAGCD) e do subdirector/a responsable de programas de intercambio.
A Escola, ademais dos responsables citados arriba, conta coa colaboración de varios profesores/as que actúan como coordinadores académicos, e cuxa función é titorizar e asistir nas súas decisións académicas aos estudantes propios e de acolleita.
A mobilidade dos estudantes realízase no segundo ano de estudos da titulación, en períodos semestrais ou anuais. A selección dos candidatos lévase a cabo, para cada convocatoria ou programa, por unha Comisión de Selección, composta polo director/a, o subdirector/a responsable de programas de intercambio, o/a responsable da UAGCD e os/as coordinadores académicos, de acordo con criterios de baremación, previamente establecidos, que teñen en conta o expediente académico, unha memoria e, no seu caso, as competencias en idiomas que esixe a Universidade de destino.
A Universidade, a través do Servizo de Relacións Exteriores, mantén un sistema de información permanente a través da web que se complementa con campañas e accións informativas específicas de promoción das convocatorias.
Ademais, conta con recursos de apoio para os estudantes de acolleita, tales como a reserva de prazas nas Residencias Universitarias, ou o Programa de Acompañamento de Estudantes Estranxeiros (PAE), a través do cal voluntarios/as da USC realizan tarefas de acompañamento dirixidas á integración na cidade e na Universidade dos estudantes de acolleita.
En canto aos/as estudantes de acolleita, organízase unha sesión de recepción, ao comezo de cada semestre, na que se lles informa e orienta sobre a Escola e os estudos, á vez que se lles pon en contacto cos coordinadores académicos, que actuarán como titores, e o persoal do Centro implicado na súa atención.
A mobilidade dos/as estudantes está regulada a través do “Regulamento de intercambios interuniversitarios”. A través da Oficina de Relacións Exteriores xestiónanse programas de intercambio tanto nacionais (SICUE), como europeos (ERASMUS) e extracomunitarios (intercambios con países de América Latina ou países de fala inglesa):
Portal Internacional
Prácticas
Nesta titulación de Grao as prácticas externas contémplanse como optativas, polo que é necesario garantir unha oferta anual de prazas para prácticas externas que cubra a demanda dos estudantes do Grao. As prácticas consistirán na realización, por parte do alumno, de prácticas nunha empresa ou organismo durante 150 h máis a elaboración do informe correspondente, a efectos de obtención de 6 créditos equivalentes (1 crédito ECTS = 25 horas de prácticas).
A oferta de prácticas no Grao sustentarase no actual Programa de Prácticas Externas que xestiona a Escola Politécnica Superior cuxa coordinación recae na Subdirección de Prácticas do centro. As prácticas realizaranse a tempo completo preferiblemente nun período non lectivo de aproximadamente 4 semanas de duración, que poderán situarse tanto no primeiro como no segundo semestre. Cando as características do traballo así o requiran, poderanse establecer períodos e xornadas diferentes de realización (tempo parcial, días alternos, etc.), garantindo en todo caso as 150 horas de dedicación dos estudantes.
A organización, xestión e seguimento das prácticas externas correrá a cargo da Subdirección de Prácticas e Orientación Laboral do centro, que se encargará da asignación dos centros de prácticas e do seu seguimento. Ademais, propoñerá á Comisión do Título a asignación ao alumno dun titor académico entre o Persoal Docente e Investigador do Centro, que fará un seguimento ao traballo realizado polo alumno e velará pola calidade da estancia realizada, e un titor externo na empresa, encargado de garantir as condicións apropiadas para a realización da práctica.
A Comisión do Título elaborará unha memoria anual recollendo a información relevante de centros asignados, satisfacción dos estudantes, valoración dos titores, etc.