A USC, a través da ORE mantén un sistema de información permanente a través da web, que se complementa con campañas e accións informativas específicas de promoción das convocatorias. Ademais, conta con recursos de apoio para o estudiantado de acollida, tales como a reserva de prazas nas residencias universitarias, ou o Programa de Atención a Estudantes Extracomunitarios (PATEX) do Vicerreitorado con competencias en mobilidade, através do cal voluntarios/as da USC realizan tarefas de acompañamento dirixidas á integración na cidade e na universidade do alumnado de acollida.
Organízase unha sesión de recepción, ao comezo de cada cuadrimestre, na cal se informa e orienta sobre o centro e os estudos, á vez que se poñen en contacto os alumnos/as cos coordinadores académicos, que actuarán como titores, e o persoal do centro implicado na súa atención.
A ETSE, ademais dos responsábeis citados anteriormente, conta coa colaboración de varios docentes que actúan como coordinadores académicos, e cuxa función é tutelar e asistir nas súas decisións académicas o alumnado propio e de acollida, así como asinar os acordos académicos de mobilidade que aseguren que a acción se encadre nos obxectivos e competencias do título.
Na USC, ademais das actividades indicadas antes, ofrécese unha atención continuada. A dirección do centro e a súa Unidade de Apoio á Xestión están accesíbeis a cotío para calquera consulta de ámbito académico que afecte os estudos da escola.
O posto de coordinación dos títulos é o enlace natural co alumnado para apoio e orientación relacionada cos estudos de grao ou máster. O centro dispón de pantallas informativas onde se distribúe información de interese (anuncios, bolsas, emprego, xornadas, conferencias, etc.). Outros medios de información son os taboleiros, onde se publican horarios de clases, exames e outros anuncios (normativas, programas de mobilidade, prácticas externas, etc.).
Ademais, a páxina web do centro mantense permanentemente actualizada como referencia básica de información, na cal se poden consultar horarios de actividades académicas, calendarios de avaliación, programas de materias, horas de titoría do profesorado, actividades extraordinarias, normativa, etc. Tamén dentro do campus virtual da USC se habilitan aulas virtuais específicas para coordinación dos títulos, e que son un punto de encontro entre profesorado e alumnado.