O coloquio 'Os/as falantes ante os estándares lingüísticos en Flandres, Noruega e Suráfrica: procesos en curso e novas liñas de pesquisa' terá lugar o martes 14 e o mércores 15 de xaneiro na Sala de Divulgación da sede do Instituto da Lingua Galega.
O primeiro relatorio, o martes ás 11.00 horas, é o de Carla Amorós Negre, da Universidade de Salamanca, tras o cal ás 12.30 falará Anderson Lucas Macedo da Universidade Federal Fluminense. O mércores desde as 11.00 horas intervirá Unn Røyneland da Universidade de Oslo e a partir das 12.30 horas Stefan Grondelaers do Instituto Meertens de Ámsterdam.
Segundo a organización do coloquio, que corre a cargo do Instituto da Lingua Galega e do proxecto Estandarev, "os estudos sobre as variedades estándar experimentaron unha gran transformación nas últimas décadas", de xeito que as prácticas, actitudes e ideoloxías nas comunidades de falantes pasaron a primeiro plano, o que tivo importantes implicacións metodolóxicas. Así, indican desde o ILG, "as comunidades con linguas en contacto e con linguas de estandarización recente ou incompleta reciben cada vez máis atención, o mesmo que fenómenos como a reestandarización, a desestandarización ou a demotización. A perspectiva comparada bota nova luz sobre estes procesos, como pon de relevo o proxecto Estandarev, organizador deste Coloquio. O estudo das situacións de Flandres, Noruega e Sudáfrica, sobre as que se presentarán e discutirán distintas aproximacións, ofrece interesantes suxestións".
As inscricións deben realizarse ata o 13 de xaneiro ás 14.00 horas a través deste formulario.
Coloquio 'Os/as falantes ante os estándares lingüísticos en Flandres, Noruega e Suráfrica: procesos en curso e novas liñas de pesquisa'
14.01.2025 | 11.00h