Ir o contido principal

A Agrupación Estratéxica de Investigación Cretus organizará o vindeiro Congreso Internacional Micropol 2021 na USC

Investigadores do grupo de Biotecnoloxía ambiental (BioGroup) da USC que participaron no congreso en Seúl
Investigadores do grupo de Biotecnoloxía ambiental (BioGroup) da USC que participaron no congreso en Seúl
Este prestixioso congreso de celebración bianual forma parte da serie de congresos especializados da International Water Association
Lugo, Santiago de Compostela

O Congreso Internacional Micropol, centrado no estudo da presenza, eliminación e efectos de microcontaminantes en augas potables e residuais, terá como sede a USC na súa edición de 2021. Este destacado congreso de celebración bianual, forma parte da serie de foros especializados da International Water Association (IWA). Cidades como Zurich, Singapur, Viena ou Seúl teñen sido sedes das últimas edicións. A Agrupación Estratéxica de Investigación Cretus, centrada nas tecnoloxías ambientais, será a impulsora do evento de 2021.

A presenza de microcontaminantes orgánicos en augas potables e residuais, tales como produtos farmacéuticos e compostos xenobióticos, con potenciais accións disruptoras endocrinas, é un tema que preocupa á comunidade científica desde hai uns anos. Na USC, o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup) mantén unha actividade investigadora destacada desde o ano 2000 sobre a eliminación destes compostos. Ademais, o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA), pertencente a Cretus, así como o grupo de Cromatografía e Quimiometría (ChromChem) coordinado polo profesor Rafael Cela, teñen unha ampla experiencia na cuantificación da presenza de microcontaminantes en augas.

Na undécima edición do congreso Micropol & Ecohazard Conference 2019 celebrado do 20 ao 24 de outubro en Seúl, aprobouse a proposta presentada polo profesor Francisco Omil, membro desta Agrupación Estratéxica, para organizar o próximo congreso Micropol en xuño de 2021 na USC. A USC tivo unha gran presenza na edición de Seúl, cunha keynote impartida polo profesor Juan M. Lema, e cinco presentacións orais que correron a cargo de Francisco Omil, Miguel Martínez, David Kennes e Matteo Papa, sendo a terceira delegación por calidade e volume de presentacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.