Científicos do CiMUS descobren que a proteína p53 regula a produción de glicosa e que está alterada en persoas diabéticas

Logo de coñecerse o seu papel protector fronte ao cancro, unha nova investigación evidencia que a proteína p53 é tamén a encargada de regular a produción de glicosa, confirmando ademais que está alterada en pacientes con diabetes. Este achado, que este venres publica Nature Communications, foi posible grazas ao estudo realizado por investigadores do grupo de Metabolismo Molecular da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS).
A proteína p53 é unha das máis estudadas no campo da oncoloxía polas súas importantes funcións como supresor tumoral. Ata o de agora coñecíase que as células tumorais mostran alteracións no seu metabolismo que lles permiten multiplicarse a gran velocidade e que a proteína p53 logra frear o seu avance modulando o uso que estas células alteradas fan da glicosa, ao impedir que a catabolicen de forma eficaz. Con todo, non se estudou aínda o posible papel de p53 na produción hepática de glicosa en condicións fisiolóxicas.
Neste estudo que acaba de ver a luz, descríbese como p53 é un factor de transcrición fundamental para promover a produción hepática de glicosa durante o xaxún. “Nestas condicións, p53 sofre unha modificación postranscricional, chamada O- GlcNAcilación, que promove a súa estabilización e permite que poida dar pulo á expresión de PCK1, unha das encimas máis importantes implicadas na produción de glicosa”, explica a investigadora da USC, María J. González Rellán.
Ademais, nesta investigación descríbese como as principais hormonas que estimulan a produción de glicosa (glucagón, adrenalina e cortisol), necesitan da O- GlcNAcilación de p53 para poder inducir a produción de glicosa. “Pola contra, un incremento excesivo dos niveis de p53 O-GlcNAcilado impide que a sinalización da insulina actúe de forma apropiada no fígado, xerando resistencia á insulina”, aclara.
Finalmente, no estudo móstrase como tanto os niveis das encimas implicadas na O- GlcNAcilación, como os niveis de p53 e PCK1 atópanse significativamente incrementados no fígado dos pacientes con diabetes tipo 2, polo que supón un avance no estudo da patoloxía, xa que achega unha visión completamente nova e inesperada de como se regula a produción de glicosa no fígado.
Sétima causa de morte
O mantemento dos niveis de azucre no sangue esixe unha serie de mecanismos coordinados en resposta á dispoñibilidade ou non de comida. Así, durante o xaxún prodúcese glicosa para previr a hipoglicemia; mentres que despois das comidas, a produción de glicosa está inhibida para evitar a hiperglicemia. O fígado xoga un papel fundamental neste proceso, xa que é o principal produtor de glicosa do organismo. Esta coordinación pérdese nas persoas con diabetes, patoloxía que representa a principal perturbación relacionada coa glicosa, e que supón unha das patoloxías médicas máis desafiantes do século XXI. Por iso, este estudo permite avanzar na comprensión dos procesos fisiolóxicos que regulan a produción hepática de glicosa, algo fundamental para poder entender e previr a diabetes.
Na actualidade, aproximadamente un de cada once adultos no mundo sofre diabetes e a Organización Mundial da Saúde catalogou esta patoloxía como a sétima causa de morte a nivel mundial. Esta epidemia débese principalmente ao incremento na incidencia da diabetes tipo 2, unha enfermidade heteroxénea que se caracteriza por unha marcada hiperglicemia e unha produción hepática de glicosa descontrolada, nun contexto de resistencia á insulina. A diabetes tipo 2 está fortemente asociada co estilo de vida, a obesidade, o dano hepático e a síndrome metabólica.
O equipo de investigadores que desenvolveron o estudo está adscrito tamén ao CIBER de Obesidade e Nutrición (CIBEROBN), en colaboración con outros grupos de investigación do Cic BIOGUNE, do CNIC, da Clínica Universidade de Navarra, así como de grupos internacionais de Alemaña, Suíza, Noruega e Corea.
