Científicos descobren que unha mesma hormona é a responsable de inhibir a alimentación en humanos, insectos e estrelas de mar

Hormonas similares á oxitocina humana provocan que as estrelas de mar saquen o estómago pola boca para iniciar o proceso de alimentación. Así, estes organismos cando se atopan cun mexillón ou unha ostra, dixérenos fóra do seu corpo. Ata o de agora existían estudos sobre as substancias que daban pulo a este proceso dixestivo pero pouco se sabía de como se produce o efecto contrario. Unha investigación publicada en eLife na que toma parte o profesor da USC Antón Barreiro acaba de evidenciar como neuropéptidos tipo sulfaquinina/colecistoquinina contribúen a inhibir a alimentación non só en humanos e insectos, senón tamén nas estrelas de mar. O descubrimento destes péptidos neste tipo de organismos podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos que traten desordes alimenticias.
Neste traballo empregouse a estrela de mar Asterias rubens como modelo experimental para estudar os efectos dos devanditos neuropéptidos. “Resulta moi interesante que animais tan distantes dende un punto de vista evolutivo como insectos, estrelas de mar e humanos mostren hormonas que regulan os mesmos procesos e con efectos similares, neste caso unha hormona que inhibe a alimentación”, explica o investigador do Centro de Investigacións Biolóxicas da USC (CIBUS). “Traballos previos do grupo na USC tamén mostraran que a colecistoquinina está presente en circuítos neuronais de lampreas que regulan comportamentos relacionados coa alimentación”, engade. Segundo o profesor Barreiro, “os traballos en estrelas de mar e lampreas mostran que a pesar da distancia evolutiva con humanos, os sinais que regulan a alimentación están altamente conservados en invertebrados e vertebrados”.
O equipo de investigadores dirixido polo profesor Maurice Elphick da Queen Mary University de Londres, descubriu que a inxección destas hormonas nas estrelas de mar provoca que retraian o estómago. Cando os científicos mostraban un mexillón ás estrelas de mar, constaban que a inxección de sulfaquinina/colecistoquinina provocaba que tivesen unha menor inclinación a comer.
Posición evolutiva única
As estrelas de mar pertencen a un grupo de animais denominados equinodermos, os cales ocupan unha posición evolutiva única ao mostrarse como un elo perdido entre animais moi estudados como vertebrados e insectos. Isto fai das estrelas de mar, e outros equinodermos, animais modelo interesantes que axudan a encher ocos no entendemento da evolución de diferentes proteínas.
Neste senso, Ana Tinoco da Universidade Queen Mary, unha das coautoras principais do traballo, explica que “a forma de alimentación tan pouco usual que mostran as estrelas de mar sacando o seu estómago ao exterior a través da boca, fai delas un bo modelo para estudar as substancias que regulan o proceso de alimentación”. “Xa se sabía que este tipo de hormonas regulan a alimentación, o que é fascinante é que este papel tan importante preservouse tamén nas estrelas de mar mesmo a pesar de ter un comportamento alimenticio tan diferente, da ausencia de cerebro e a presenza dunha estrutura corporal única”, comenta.
Novos fármacos
Pola súa parte, o profesor Maurice Elphick, director do grupo de investigación na devandita universidade londiniense expón como “os nosos descubrimentos proporcionan novas evidencias de que os neuropéptidos tipo sulfaquinina/ colecistoquinina teñen un papel conservado dende o punto de vista da evolución como inhibidores da alimentación”. Elphick engade que “o descubrimento destes péptidos en estrelas de mar podería chegar a ser importante para o desenvolvemento de fármacos para tratar desordes alimenticias”. Para alcanzar ese obxectivo será necesario avanzar na determinación das estruturas 3D dos receptores que median os efectos destes neuropéptidos en humanos e outros animais.
