Entregados os premios do Maratón Fotográfico da USC
A edición trixésimo primeira do Maratón Fotográfico da USC selouse este mércores 5 co acto de entrega de premios que se desenvolveu na Biblioteca Intercentros, escenario que tamén acolle, ata o vindeiro 16 de decembro, unha mostra integrada por unha ducia de fotografías seleccionadas polo xurado. Nesta última edición do Maratón que xirou arredor do concepto de ‘tenrura’, concorreron un total de 49 persoas que entregaron 66 fotografías.
O Premio Carlos Valcárcel ao mellor traballo presentado dentro do tema proposto pola organización, dotado con 350 euros e diploma acreditativo, recaeu na fotografía ‘Eme de ternura’ de Francisco Javier Lanseros García. Pola súa parte, o Premio Eduardo Ochoa á mellor imaxe de temática libre, dotado con 300 euros e o seu correspondente diploma, foi parar á proposta titulada ‘Nubes amarelas’ de Begoña Pérez López. Finalmente, o premio do público distinguiu ‘O inxenio cotidián’ de Faisury Zapata García e ‘Entre raíces’ de Elba Curros Saavedra.
Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.