Especialistas no eido forestal abordarán os principais retos aos que se enfronta o sector en Galicia
O Campus Terra da Universidade de Santiago colabora coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo na organización das XXXVI Xornadas Luis Asorey, centradas nesta edición na situación actual e os retos aos que se enfronta o sector forestal galego. Desenvolveranse do 17 ao 27 de novembro no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. A inscrición neste ciclo, no que tamén se pode participar de xeito online, é gratuíta.
O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico da RAGC. Salienta que “seguindo a tradición de que as xornadas Luis Asorey se centren en temáticas relacionadas co campus universitario de Lugo, este ano retornamos ao mundo forestal, abordando temas de actualidade como os incendios forestais ou a moratoria do eucalipto, que acaba de ampliarse ata 2030. Ademais, dedicarémoslle unha atención importante ás especies frondosas autóctonas -como é o caso dos carballos, bidueiros, freixos, castiñeiros ou amieiros-, que se espallan por unha superficie importante pero teñen un peso cativo na comercialización de madeira na nosa comunidade autónoma”.
Así mesmo, no transcurso do ciclo trataranse os efectos do cambio climático nas especies forestais, a sanidade das especies frondosas de interese forestal, a silvicultura dos carballos encamiñada á produción de madeira de calidade, a valorización da madeira de frondosas, o mercado galego e europeo da madeira estrutural de frondosas, a xestión sostible e os servizos ecosistémicos destas especies, así como a estratexia da Administración forestal galega en relación coa xestión e aproveitamento das masas de frondosas.
Programa do ciclo
A primeira conferencia, do luns 17, que impartirá o catedrático Antonio Rigueiro, versará sobre os principais retos aos que se enfronta o sector forestal galego, en particular o impacto do cambio climático e dos incendios. O 18, Josefa Lombardero, catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, abordará a situación da sanidade forestal na nosa comunidade, centrándose nas pragas e doenzas que afectan ás especies frondosas de maior interese. O 19 afondarase nas opcións silvícolas que existen para optimizar a produción de carballo, da man de Roque Rodríguez, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC. O 20, o director de Innovación da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Abelardo Nimo, presentará o proxecto de valorización da madeira de frondosas de Galicia.
A semana seguinte, o luns 24 de novembro, contarase coa participación da enxeñeira de montes Vanesa Baño, investigadora sénior en InnovaWood -unha rede europea para a investigación, a innovación e a educación no eido da madeira-, que tratará o mercado das frondosas para a construción en Galicia e Europa. Na xornada do mércores 26, o director da Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo, achegarase ás oportunidades que ofrece o asociacionismo de cara á xestión sostible dos montes. Como remate do ciclo, o xoves 27 o subdirector xeral de Recursos Forestais, Alberte Piñeiro, exporá a estratexia para o fomento da xestión activa das masas de frondosas en Galicia.