Ir o contido principal

A USC dá un impulso á incubación de empresas biotecnolóxicas en Santiago co traslado de BioIncubaTech ao Biopolo Sionlla

O reitor, no centro, acompañado de josé Fernández Alborés, Natalia Barror e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
O reitor, no centro, acompañado de josé Fernández Alborés, Natalia Barror e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
Ademais de mover ese proxecto xa consolidado, acordáronse condicións moi favorables para que futuras empresas tamén se empracen nesas instalacións
Santiago de Compostela

A Incubadora de Alta Tecnoloxía BioIncubaTech da USC, que presta servizos para a aceleración de proxectos e empresas nos sectores de biotecnoloxía en ciencias da saúde e da alimentación, trasladarase a un novo emprazamento situado no Biopolo Sionlla. Este é un dos acordos do marco de colaboración entre a USC e Sionlla Biotech S.L. para a incubación e reserva de espazos en condicións preferentes para as empresas xurdidas da institución compostelá, con infraestruturas e servizos especializados que permitan o seu crecemento e consolidación.

Nas súas etapas iniciais, as empresas biotecnolóxicas precisan de infraestruturas especializadas e de condicións económicas preferenciais. O novo emprazamento brindaralles así unha contorna ideal facilitando a interacción con outras xa consolidadas e entidades de financiamento e a optimización de recursos compartidos e o acceso a redes crave do sector.

Os termos do acordo asináronse este martes na visita que o reitor Antonio López realizou ao Biopolo Sionlla acompañado do presidente do consello de administración de Sionlla Biotech, José Fernández Alborés. Alí, acompañados do xerente da USC, Javier Ferreira, e da directora da Oficina Económica de Galicia, Natalia Barror, tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións así como un laboratorio piloto do Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas (CSIEB).

O proxecto ‘BioIncubaTech - Incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía na o ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropymes’, financiado dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Intelixente, situábase ata o de agora no Edificio Emprendia, que acometera hai uns anos diversas obras de acondicionamento. Agora, por razóns de necesidade de espazo, a USC trasladará de maneira íntegra este proxecto non só para mellorar as condicións desas empresas senón tamén para colaborar no impulso do Biopolo da Sionlla.

Tal e como explicou o reitor, “trasladamos todas as infraestruturas e equipamentos de BioIncubaTech para A Sionlla para mellorar as condicións operativas das empresas, pero tamén acordamos poñer a disposición das que vaian xurdindo estes espazos de incubación a prezos bonificados”. Para Fernández Albores, o obxectivo é “conseguir que o talento que temos en Santiago se reteña na nosa contorna co apoio das empresas que aquí se instalen e conformar un biopolo tecnolóxico da man da Universidade de Santiago”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2025.