CENTENARIO DO REFRACTOR STEINHEIL

DO PROFESOR DR. D. RAMÓN MARÍA ALLER ULLOA

Aller

Steinheil Steinheil2

A chegada a Lalín deste telescopio constituíu un punto e aparte na produción astronómica do Padre Aller. En primeiro lugar tivo que modificar a estrutura do seu Observatorio, substituíndo as dúas torretas que antes tiña por unha cúpula para darlle acubillo ao refractor Steinheil. Aproveitou este troco tamén para crear un departamento anexo para o teodolito. O novo observatorio, o tiña xa listo xa en agosto de 1924.

Unha vez instalado e posto en estación, as prestacións do recén incorporado instrumento permitíronlle ampliar os seus campos de investigación, realizando observacións e moi diversos astros e fenómenos astronómicos, como eclipses de Sol e de Lúa, ocultacións de estrelas pola Lúa, seguimento de manchas solares, superficies planetarias, etc., pero sobre todo poderse dedicar ao estudo das estrelas dobres visuais unha vez que dispuxo do micrómetro de fíos.

En anos sucesivos, publicou sobre todo nas Astronomische Nachrichten varias series de medidas micrométricas de estrelas dobres visuais, chegando a calcular en Lalín as primeiras órbitas de estrelas dobres en España, correspondendo a primeira delas a do sistema STT 77.

Cando o refractor pasou ao novo Observatorio universitario na primavera de 1944, o seu uso estendeuse non só aos seus principais colaboradores: Vidal Abascal, Ferrín Moreiras, García-Rodeja Fernández, Pensado Iglesias, Cid Palacios, Costa Seoane, Zaera de Toledo, etc., senón tamén ao alumnado.

Ata que en 2003 o Observatorio, xa denominado, dende 1983, Ramón María Aller, non puido adquirir nunha convocatoria pública o gran telescopio ruso tipo Ritchey- Chretien, o refractor Steinheil seguiu sendo o principal instrumento de observación. Todo elo a pesar das múltiples peticións efectuadas para mellorar a capacidade do Observatorio, iniciadas xa polo propio profesor Aller nos anos sesenta do pasado século e continuadas polos seus sucesores científicos.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2025

José Ángel Docobo Durántez

Catedrático de Astronomía

Universidade de Santiago de Compostela