Ás 4 horas e 42 minutos deste venres 21 de xuño dará comezo o verán no hemisferio norte. En dito instante o Sol estará no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación con respecto ao ecuador celeste (declinación máxima). Nestes días, polo tanto, teremos a meirande diferencia entre o día e a noite, con mais de 16 horas de luz na nosa latitude, incluíndo a crepuscular.
Porén, debido a que o tempo oficial non se mide con respecto ao Sol, senón usando o chamado Sol medio, sucede que o día no que o Sol sae antes xa foi o 15 de xuño e cando máis tarde en ter lugar o solpor corresponde ao 27 deste mes.
A estación que agora comeza vaise prolongar ata as 20 horas e 19 minutos do 22 de setembro, de maneira que estes 93,65 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro.
O día 3 de xullo, a Terra pasará polo afelio, punto de máxima distancia ao Sol, sendo esta de 152,1 millóns de quilómetros. A distancia mínima (perihelio) tivo lugar o 4 de xaneiro, a unha distancia de 147,1 quilómetros.
Este ano, a visión da chuvia de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto vai coincidir coa Lúa case chea, saíndo esta polo leste sobre as 23:15 o cal vai afectar á visión dos meteoros durante a noite. Aínda así pode tentarse observar os mais brillantes.
O 7 de setembro terá lugar unha eclipse total de Lúa. Neste caso a fase total non vai chegarse a ver dende aparte occidental de Galicia, xa que logo a saída do noso satélite natural vai coincidir practicamente co remate de dita fase e o inicio na segunda parte da fase parcial, que si vaise ver.
Como en anos precedentes, durante o verán o Observatorio Astronómico Ramón María Aller vai impartir sesións públicas de divulgación astronómica en varios concellos galegos que se anunciaran na súa páxina web . Este ano a través de programas financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia, o Consello Social da USC, aparte de colaborar no programa propio do Destino Starlight da vila de Lalín.
NOTA METEOROLÓXICA
Estando afeitos a primaveras bastantes secas nestes últimos anos, a que agora remata, con 49 días de precipitación, pode considerarse semellante a de 2024, e xa dentro na normalidade. A pesar de que debido a nebulosidade e a temperaturas suaves en xeral, houbo a sensación de que a estación que agora remata foi moi chuviosa, o caso é que se mediu unha cantidade inferior á do ano pasado (480 l/m2), pero superior, por exemplo, a dos anos 2023 (318,2 l/m2), 2022 (166,3 l/m2), ou 2021(249,1 l/m). Nesta primavera na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, recolléronse un total de 333,7 litros/m2, distribuídos así : final de marzo, 63,9 ; abril, 172,5; maio, 75,3, e vinte primeiros días de xuño, 22,0. Resultando ser os días mais chuviosos, o 21 de marzo (36,6 l/m2), e o 30 de abril (31,7 l/m2).
A temperatura máxima da primavera acadouse o 17 de xuño con 35º3. Tamén se pasou dos trinta graos os días 16 de xuño (32º5), 10 de xuño (32º4), 29 de maio (32º2), e 9 de xuño (31º2). Pola contra a temperatura mínima rexistrouse o 23 de marzo con 3º4.
Prof. José Ángel Docobo Durántez
Coordinador Científico
Observatorio Astronómico Ramón María Aller
USC