A eclipse solar parcial deste sábado 29 de marzo
O vindeiro sábado 29 de marzo vaise producir unha eclipse parcial de Sol que será visible desde o nordeste de América, Océano Atlántico, Groenlandia, noroeste de África, case toda Europa, e na parte occidental de Rusia. En Galicia a Lúa comezará a interpoñerse entre o Sol e a Terra ás 10h 43m, terá o seu máximo ás 11h 39m, e finalizará ás 12h 39m. Na costa occidental da nosa Comunidade, no máximo da eclipse a Lúa vai ocultar un 42% do diámetro do Sol e un 32% da súa superficie.
Esta eclipse solar vai ser a que inaugure unha xeira de eclipses solares que continuarán en 2026, 2027 e 2028. Por iso a eclipse deste sábado serve tamén para chamar a atención do que imos poder ver nos vindeiros anos. Especialmente chamativo vai ser o do 12 de agosto de 2026 que será total nunha franxa que atravesará a Península en diagonal dende Galicia e o Cantábrico ata o Mediterráneo. En comarcas do norte e leste de Galicia vaise ver como total cunha duración de máis dun minuto preto das 20:30 horas. Cidades como A Coruña, Ferrol ou Lugo desfrutarán da totalidade, tamén curiosamente en Valdeorras, comarca na que puido verse a última eclipse total de Sol na Península en 1912. Ramón María Aller estaba daquela no Observatorio Ocharan de Castro Urdiales, tendo sacado unha foto do fenómeno que conservamos a día de hoxe.
Para a observación dunha eclipse solar é imprescindible dispoñer da protección ocular necesaria. A seguridade total conséguese proxectando a imaxe solar sobre unha cartolina, ou ben mercando nas ópticas as gafas especias para estes eventos. Desaconséllase ao uso de gafas normais de sol ou radiografías.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC fará este sábado 29 unha sesión didáctica pública do seguimento da eclipse entre as 10:30 e as 12:45. Par elo vanse utilizar dous instrumentos que proxectaran a imaxe solar. Tamén se facilitarán algunhas gafas especiais que os asistentes compartirán.
A imaxe adxunta representa a fase máxima da eclipse en Galicia (créditos Observatorio Astronómico Nacional, OAN).
José Ángel Docobo Durántez
Coordinador Científico
Observatorio Astronómico Ramón María Aller
USC