|
|
|
Matemáticos de todo o mundo reúnense en Santiago no III Seminario de Categorías e Aplicacións
Actualizada o Xoves, 08 de setembro de 2005 ás 13:58
A Facultade de Matemáticas da USC acolle ata o sábado a terceira edición do Seminario de Categorías e Aplicacións (SECA III) ao que asisten máis de setenta matemáticos de Universidades de España, Bélxica, Arxentina, Reino Unido, Italia e Georgia. O encontro inaugurouse nun acto no que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Castor Méndez, o decano da Facultade de Matemáticas, Juan Manuel Viaño, e o profesor José Luís Gómez Pardo, membro do comité organizador.
O programa científico do congreso consiste en diversas charlas relacionadas, principalmente, con liñas de investigación sobre a Teoría xeral de n-categorías, aplicacións á xeometría alxebraica e diferencial e á física matemática, a Teoría de Topos, categorías enriquecidas e topoloxía alxebraica, clasificación homotópica de tipos de homotopía, álxebra homolóxica e aplicacións á teoría de (co)álxebras e teoría de representación.
Entre os participantes figuran investigadores e expertos das Universidades españolas de Santiago de Compostela, Vigo, Autónoma de Barcelona, León, A Coruña, Granada, Almería, Valladolid, La Rioja, La Laguna, Málaga, Murcia e Jaén. Do resto do mundo asisten representantes da Universidade belga Católica de Louvain, das Universidades arxentinas de La Plata e Bos Aires, das inglesas London Metropolitan e Universidade de Leicester, da italiana degli Studi di Milano e do Instituto matemático Razmadze de Georgia.
|