RESUMEN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO VENRES 22 DE XULLO DE 2022
A orde do día desta a última reunión do Consello de Goberno deste curso académico 2021-2022 incluía un total de 19 puntos. A intervención de CUPAS nesta xuntanza centrouse principalmente no punto 10: Modificación do Regulamento de Xestión Orzamentaria.
Regulamento de Xestión Orzamentaria da USC:
A proposta do equipo de goberno vén a modificar novamente o regulamento aprobado en 2020, co obxecto de clarificar o contido das Liñas Xerais do Orzamento da USC. Como se sabe, as Liñas xerais deben ser acordadas no Claustro Universitario como paso previo á a aprobación polo Consello de Goberno do orzamento anual da USC.
A proposta de modificación do regulamento inclúe un cambio na presentación de emendas ás Liñas xerais ante o Claustro, que por parte de CUPAS nos pareceu excesivo; por esixir que cando unha emenda supoña un incremento de gasto se deba indicar na mesma unha diminución equivalente noutra partida.
Na intervención en nome de CUPAS indicamos o seguinte:
- Podemos entender que se esixa que as emendas ao proxecto de orzamentos no Consello de Goberno, cando signifiquen un incremento dunha partida de gasto, deban propoñer unha diminución equivalente no gasto doutras partidas ou un incremento nos ingresos.
- Pero non entendemos que iso se exixa para o caso das emendas ás Liñas Xerais do orzamento presentadas ante o Claustro. Esa esixencia pode derivar nunha limitación ou restrición do debate orzamentario no claustro
- Hai que ter en conta que o que aproba o Claustro son as Liñas Xerais do orzamento anual, non o orzamento desglosado por partidas. No marco dese debate no Claustro,non consideramos necesario esixir que se indiquen as partidas que deban ser minoradas.
- Dende CUPAS consideramos que será despois a xerencia quen, tendo en conta as liñas xerais aprobadas polo Claustro, debe presentar o orzamento equilibrado ante o Consello de Goberno para a súa aprobación definitiva polo Consello Social.
- Ademais do exposto, tamén coincidimos con outras intervencións en que este asunto das emendas era materia a incluír máis ben no Regulamento Interno do Claustro.
Na súa resposta, tanto o reitor como o xerente, puxeron especial énfase en aclarar que non pretenden limitar a capacidade do Claustro de emendar as Liñas Xerais do Orzamento, e comprometéronse a que se poderán seguir presentando emendas no Claustro como ata o de agora, sen ter que indicar reducións alternativas en outras partidas.
Para que iso sexa efectivo acordouse introducir a aclaración de que só será necesaria a indicación dunha redución alternativa, cando as emendas supoñan unha variación moi “substancial” que afecte ás grandes magnitudes do conxunto do orzamento; xa que derivaría na imposibilidade de cumprir a obriga legal do equilibrio orzamentario. Coa asunción dese compromiso, que se incorpora na súa redacción final, o regulamento foi aprobado por asentimento.
Non nos resistimos a sinalar, nesta información, que o Informe-Proposta do técnico xurídico de xerencia, que acompañaba este regulamento, vén a darnos a razón na argumentación exposta por CUPAS na anterior reunión do Consello de Goberno, en relación aos Postos directivos, sobre a obriga de respectar estritamente o indicado polos estatutos da USC.
Outros asuntos:
Entre as informacións que se trasladaron, destacamos as seguintes:
- O reitor informou da evolución da matrícula e da reunión das tres universidades coa Xunta sobre o plan de infraestruturas, como complemento do plan de financiamento aprobado o ano pasado.
- O xerente informou que na reunión comité COVID se acordou levantar todas as medidas que aínda estaban vixentes.
No punto de rogos e preguntas formúlase, entre outras, a cuestión da convocatoria propia de predoutorais. O xerente indica que o proceso foi correcto e que no futuro se poderán facer cambios e reflexionar sobre a eliminación das ponderacións aplicadas.
A representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas, ás que te podes dirixir para facernos chegar as túas opinións, consultas ou suxestións:
CAMPUS DE LUGO
TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE |
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER |
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA |
CAMPUS DE SANTIAGO
LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUAN | ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR |
DÍAZ PÉREZ, JOSÉ | MARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA |
GARCÍA ANGULO, MINIA | CABADO LOURÉS, ANXOS |
REGUEIRA GAY, RUBÉN | PAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ |
BALEA COTOS, MARTA | OREIRO FORMOSO, JUAN |
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTIN | VAZQUEZ MARTÍNEZ, ELENA MARTA |
