RESUMEN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 25 DE XANEIRO DO 2024
Informamos a continuación, como vimos facendo habitualmente despois de cada xuntanza na que participamos, dos principais asuntos de interese tratados no Consello de Goberno do pasado 25 de xaneiro:
O xerente adiantou nesta xuntanza que está previsto que queden rematados a final de ano todos os procesos de estabilización do Persoal Técnico de xestión e de Administración e Servizos (PTXAS) co que o nivel de temporalidade para entón estará, segundo afirmou, por debaixo do 7% previsto legalmente.
Tamén deu conta o xerente da recente reunión da Comisión de seguimento do Acordo da Carreira horizontal, na que se anunciou o pago xa na nómina de xaneiro do 40 % restante do complemento de carreira de grao I. Tamén informou ao Consello de Goberno que se ía retomar negociación da carreira ordinaria, con vontade de avanzar no grao II en 2024.
En canto á intervención de CUPAS, volveuse a solicitar unha revisión do regulamento de mobilidade, incidindo no tema dos informes das comisións de servizo. Non está recollida no regulamento a diferencia entre comisións de servizo de cobertura urxente (e sen necesidade de informe), así como en relación ás revisións que se están a facer de comisións de servizo logo do ano. A resposta do xerente sobre o tema foi unicamente: “o xa dito en 5 consellos de goberno anteriores”.
Noutra orde de cousas, nesta xuntanza renovouse a composición da Comisión de avaliación de conflitos da USC e renováronse as vacantes nas comisións delegadas do Consello de Goberno.
Tamén se aprobou o acordo polo que se establece o réxime xurídico da persoa delegada de protección de datos da USC e modificacións substancias e non substanciais de títulos de grao, máster e doutoramento, así como a modificación do regulamento de titulacións de grao e máster da USC e do procedemento para o aseguramento da súa calidade.
Logo dun longo proceso e do traballo colaborativo previo de moitas persoas, das que foron salientables as achegas de integrantes do PTXAS (nova denominación do PAS) aprobouse o Plan de Internacionalización, que responde ao establecido na LOSU e que inicia a implantación do mesmo na USC.
Informouse sobre as novas tarifas dos comedores universitarios, promovidas a petición do estudantado do Claustro. Diferenciaranse tres tipos de tarifa que van ser xestionadas a través dunha tarxeta virtual que se vai poñer en funcionamento en breve.
Tamén se anunciou a próxima apertura das cafeterías do Burgo e de Medicina e se informou de que se vai proceder a realizar inspeccións das cafeterías con vista a asegurar a calidade.
Sobre calquera destes asuntos podes facernos chegar as túas opinións, consultas ou suxestións. A representación de CUPAS no Claustro está formada actualmente polas seguintes persoas:
CAMPUS DE LUGO
TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE |
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER |
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA |
CAMPUS DE SANTIAGO
LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUAN | MARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA |
DÍAZ PÉREZ, JOSÉ | CABADO LOURÉS, ANXOS |
GARCÍA ANGULO, MINIA | PAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ |
BALEA COTOS, MARTA | OREIRO FORMOSO, JUAN |
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTIN | EIROA ROSADO, ELISA |
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENA | FARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME |
PÉREZ TRIGO, ELISEO | TABERNERO DUQUE, FERNANDO |
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR |
