RESUMEN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 10 DE XUÑO DO 2024
Atendendo unha vez máis, ao compromiso de informar da nosa actividade no Claustro e no Consello de Goberno en representación do persoal, informamos de seguido dos asuntos de maior interese abordados na reunión do Consello de Goberno deste luns, 10 de xuño.
Esta reunión viuse alterada, case ao final da sesión, logo de aprobarse unha resolución de apoio ao pobo palestino e de crearse unha Comisión específica do Consello de Goberno para o seu seguimento. Pouco despois da aprobación desta resolución (con 30 votos a favor, 1 en contra e 1 abstención) produciuse a irrupción dun grupo de persoas que pretendían amosar o seu desgusto e desconformidade, ao considerar o pronunciamento da USC como inadecuado e insuficiente.
En relación con ese incidente, os representantes de CUPAS no Consello de Goberno transmitímoslle pola tarde o noso apoio ao equipo de goberno, ante a situación que se está a vivir na nosa universidade coa escusa do conflito en Palestina.
Oferta Pública de Emprego
Antes desa interrupción, o Consello de Goberno xa tratara 24 puntos da orde do día. Sen dúbida un dos asuntos de maior interese era a OPE de 2024, que xa fora aprobada previamente por maioría na Mesa de PAS. Ademais das 36 prazas de novo ingreso, esta OPE destaca polas 54 prazas de promoción interna independente (24 de funcionarios e 30 de laborais) que permitirán o ascenso e a mellora profesional a distintos grupos e categorías.
A OPE foi aprobada por unanimidade, dándose así cumprimento á emenda de CUPAS aos orzamentos de 2024 para incluír novamente este ano unha oferta de promoción interna independente.
Modificación RPT
Tamén en relación directa co persoal, o Consello de Goberno aprobou unha modificación puntual da RPT do PAS laboral. Esta modificación, que viña informada favorablemente por maioría no Comité intercentros, consiste na creación dun posto de Auxiliar Técnico na Facultade de Ciencias da Educación e na singularización de catro postos de responsables no CEBEGA e en Odontoloxía. Esta modificación tamén se encadra na emenda de CUPAS, aprobada no Claustro de orzamentos, que comprometía á xerencia a continuar coa revisión da RPT das distintas áreas, de cara a mellorar a prestación dos servizos.
Criterios de admisión por cambio de universidade
Un punto no que intervimos dende CUPAS foi no da modificación dos criterios de admisión por cambio de universidade. As medidas propostas tratan de simplificar os procesos para poder matricular en prazos máis breves.
A nosa intervención foi na liña de evitar que se primase o traslado de estudantes dende universidades privadas sobre as públicas, ao rebaixar ao 85 % da nota de corte da USC, a súa nota de admisión na universidade de procedencia. Finalmente, tal e como nós propoñiamos, quedou en que sería o 100%.
Outros asuntos
Antes do incidente polo tema de Palestina, reseñado ao principio deste resumen, nesta reunión do Consello de Goberno se tratáronse 24 puntos da orde do día. Moitos destes outros temas están relacionados coa xestión de profesorado, con alumnado e matrículas e outros asuntos de xestión ordinaria que foron aprobados por asentimento na gran maioría dos casos.
Recordamos, por se nos queres facer chegar as túas opinións, consultas ou suxestións, que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas:
CAMPUS DE LUGO
TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE |
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER |
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA |
CAMPUS DE SANTIAGO
LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUAN | MARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA |
DÍAZ PÉREZ, JOSÉ | CABADO LOURÉS, ANXOS |
GARCÍA ANGULO, MINIA | PAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ |
BALEA COTOS, MARTA | OREIRO FORMOSO, JUAN |
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTIN | EIROA ROSADO, ELISA |
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENA | FARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME |
PÉREZ TRIGO, ELISEO | TABERNERO DUQUE, FERNANDO |
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR |
