INFORMACIÓN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 25 DE OUTUBRO DO 2024

Sendo fieis ao noso compromiso de dar conta da nosa actividade e participación no Claustro e no Consello de Goberno como representantes do PAS, informamos a continuación dos asuntos de maior interese tratados na última reunión do Consello de Goberno:

Na xuntanza deste mes de outubro, celebrada o venres 25, o debate e discusión centrouse fundamentalmente en catro puntos: a planificación de profesorado 2025, o regulamento do centro de formación de persoal, a ponderación de materias no acceso a titulacións de grao e o protocolo fronte as violencias sexuais.

Xa nos informes finais, o reitor anunciou a posta en marcha do proceso de elaboración dos novos estatutos da USC e o xerente deu conta das xestións sobre o límite da masa salarial autorizada.

Presentou o documento de bases da planificación de profesorado 2025 o vicerreitor de profesorado, comentando que era similar ao de anos anteriores. Destacou o problema do relevo xeracional no PDI e das xubilacións forzosas, indicando que se incrementarán na década de 2030

No debate, suscitáronse algunhas dúbidas e temores respecto das dispoñibilidades orzamentarias futuras, aínda que se mantén como previsible que estas sexan disipadas en vindeiros plans de financiamento do SUG. Este punto foi aprobado por asentimento.

Na votación sobre o regulamento Centro de Formación de Persoal, abstivémonos, xa que o xerente non aceptou a petición de CUPAS sobre a supresión do apartado 5.2 do regulamento, referente a que o director/a do centro teña que ser membro do Persoal directivo profesional da USC.

Como é ben sabido, CUPAS opuxémonos no seu momento á creación desta estrutura de postos directivos dependentes da xerencia, ao marxe dos estatutos da USC e da RPT do PAS. Na nosa intervención recordamos que seguiamos mantendo esa posición, e que a creación desa estrutura de postos directivos está pendente de sentenza xudicial.

A instancias de CUPAS, cambiouse a regulación dos membros do Consello Asesor de Formación: os designados polo reitor deberán atender a méritos ou experiencia en formación ou linguas, modificándose así o texto orixinal.

O regulamento do centro de formación foi acordado finalmente con 21 votos a favor e 9 abstencións, sendo unha das veces que máis abstencións houbo durante o actual mandato reitoral.

No punto relativo á aprobación dos parámetros de ponderación de materias no acceso a titulacións de grao, dende CUPAS fixemos unha intervención para agradecer que desta vez se presentaran, como tiñamos pedido en anteriores ocasións, con dous cursos de antelación, dando marxe aos alumnos de bacharelato a realizar as eleccións das materias en función dos parámetros de ponderación.

Aínda así, logo do debate neste Consello de Goberno, considerouse necesario facer unha revisión na seguinte xuntanza dos criterios seguidos para o establecemento dos parámetros de ponderación que se propoñen, xa que se considerou que non estaban claros de todo. 

En canto á aprobación do Protocolo fronte as violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero, foi tamén amplamente debatido no Consello de Goberno.

Por parte de CUPAS propúxose a creación dun punto lila na páxina web da USC para un acceso fácil e rápido á información relativa a estas cuestións e que poida servir de axuda para quen precise información ao respecto. 

Finalmente o protocolo aprobouse por asentimento, logo de acordarse que o anexo proposto inicialmente se transformará nunha guía de actuación a desenvolver pola Comisión prevista no propio protocolo.

Xa na parte final da xuntanza o reitor informou da posta en marcha mediante comunicación transmitida á toda a comunidade universitaria, mentres se celebraba a reunión do Consello de Goberno, do proceso de elaboración dos novos estatutos da USC. A modificación de estatutos vén obrigada pola entrada en vigor, o pasado mes de marzo, da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU) e a necesidade de adaptarse á mesma.

O reitor adiantou que no borrador distribuído para información pública á comunidade universitaria se propoñía para o debate, como un dos elementos máis novidosos, a posible supresión dos departamentos como órganos universitarios na USC.

Tamén na parte final da reunión, o xerente deu conta das xestións que están a realizar para conseguir da Xunta un incremento no límite de masa salarial autorizada á USC na lei de orzamentos da comunidade autónoma, actualmente en trámite no Parlamento de Galicia

Recordamos, por se nos queres facer chegar as túas opinións, consultas ou suxestións, moi especialmente sobre o borrador do proxecto de novos estatutos da USC, que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas:

CAMPUS DE LUGO

TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA

CAMPUS DE SANTIAGO

LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUANMARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA
DÍAZ PÉREZ, JOSÉCABADO LOURÉS, ANXOS
GARCÍA ANGULO, MINIAPAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ
BALEA COTOS, MARTAOREIRO FORMOSO, JUAN
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTINEIROA ROSADO, ELISA
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENAFARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME
PÉREZ TRIGO, ELISEOTABERNERO DUQUE, FERNANDO
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR