CUPAS AGRADECE OS APOIOS RECIBIDOS E FELICITA AOS CANDIDATOS/AS ELECTOS

As persoas que integramos a candidatura CUPAS queremos agradecer a todo o PAS da USC a participación nas eleccións ao Claustro e os apoios recibidos polos nosos candidatos e candidatas.

Moitas, moitas Grazas a todos e a todas.

A falta da proclamación definitiva, a candidatura CUPAS obtén 15 claustrais (12 en Santiago e 3 en Lugo), A Trabe acada 13 (11 en Santiago e 2 en Lugo) +PAS acada 1 claustral (en Santiago e 0 en Lugo) e tamén resulta elixido 1 non adscrito en Santiago. A nosa felicitación para todas as persoas electas e moitos ánimos no seu traballo para o próximo período.

Queremos agradecer tamén o esforzo dos membros do PAS que participaron na parte técnica deste proceso, especialmente ao persoal da Secretaría xeral.

Ao tempo que reiteramos os nosos compromisos co persoal da USC:

  • Defender as propostas e liñas de actuación que mencionamos no noso programa, ante o Claustro e nas instancias de representación ás que accedamos.
  • Traballar na procura dunha universidade pública de calidade.
  • Actuar de xeito unitario, na defensa de intereses comúns, cos representantes doutras candidaturas do PAS.
  • Informar puntualmente da nosa actividade no Claustro mediante comunicacións xerais a todo o persoal e atendendo individualmente a quen o solicite.
  • Recoller, e transmitir aos órganos de goberno, as propostas que se nos acheguen.
  • Esixir a máxima transparencia e información aos órganos de goberno.
  • Apoiar os acordos e as propostas da representación sindical.
  • Actuar con completa independencia do Reitor e de quen integre o equipo de goberno, sen facernos a priori nin aliados nin inimigos de ninguén

As persoas da candidatura CUPAS formamos un proxecto unitario, con vontade de representar aos distintos sectores do persoal (PAS funcionario e laboral, Cap. VI, fixos, interinos e temporais de distintos grupos e categorías profesionais); co ánimo de reforzar e apoiar conxuntamente os obxectivos de cada sector, facéndoos comúns e compartidos, e comprometéndonos na súa defensa no Claustro e no Consello de Goberno.