RESUMEN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 26 DE ABRIL DO 2024

Unha vez máis, atendendo ao noso compromiso de informar da actividade que desenvolvemos no Claustro e no Consello de Goberno en representación do persoal, informamos a continuación da nosa intervención e dos asuntos de maior interese abordados na reunión do Consello de Goberno do pasado venres, 26 de abril:

Un dos puntos da orde do día con relación máis directa co persoal era a aprobación do Plan do Persoal Técnico, de Xestión e de Administración e Servizos (PTXAS) que, como sabedes, é a actual denominación do PAS na nova lei de universidades. Na súa presentación, o xerente destacou o amplo apoio obtido na Mesa de negociación de PAS e que os seus compromisos deben ser acadados antes do remate de 2025, coa finalización do mandato do equipo de goberno.

Por parte de CUPAS, pedimos a palabra, neste punto, para sinalar que a presentación do Plan vén a dar cumprimento a unha das nosas emendas aos orzamentos de 2023 e que, aínda que se presentou tarde, o documento inicial foi mellorado na negociación coa representación sindical. O plan precisaría dunha maior concreción, pero indicamos que iso se poderá corrixir, atendendo as propostas xa presentadas pola representación do sindical, cando se aborde a negociación concreta e o desenvolvemento das liñas xerais do Plan.

Destacamos na nosa intervención que o Plan ten o noso apoio; porque representa unha aposta e un compromiso da USC, por continuar desenvolvendo a promoción interna, a carreira horizontal, a continuidade na revisión da RPT, e pola mellora dos servizos e das condicións de traballo do persoal, que son os temas que mais nos interesan a CUPAS.

Valoramos tamén que, na discusión previa sobre o Plan, a xerencia aceptara por fin que o informe para as comisións de servizo do persoal funcionario deixará de ser vinculante; e que se avaliarán todas as solicitudes, sen exclusións. Chamamos a atención do xerente, neste punto, sobre que esta mesma semana se publicou aínda unha listaxe provisional con exclusións, por causa do informe previo.

O xerente na súa resposta reiterou os compromisos coa promoción, a carreira horizontal e a revisión da RPT. Con respecto á carreira horizontal, indica que se avanzará en 2024 e 2025 no seu desenvolvemento e implantación. Tamén informou que están ultimando un plan piloto de avaliación do rendemento. Con respecto dos informes das comisións de servizo queda en revisar a situación e comprométese novamente a solucionar o tema segundo o acordado.

Sen que se producira ningunha outra intervención por parte dos representantes do PAS, o plan foi aprobado por asentimento dos membros do Consello de Goberno, sen votos en contra nin abstencións.

En relación ao PTXAS había tamén outro punto que era a modificación da RPT, que afecta a algúns postos de persoal laboral e funcionario, que contaba cos informes previos favorables tanto do comité intercentros como da xunta de PAS funcionario. Estes cambios puntuais na RPT, que tamén foron aprobadas por asentimento, permiten a toma de posesión das persoas con postos singularizados que promocionaron a Técnico de Grao Medio de Investigación de grupo II e modifican os requisitos e méritos de idiomas dalgúns postos de funcionarios, así como tamén se recoñece a xornada irregular dos postos de arquitecto/a.

Con respecto aos demais temas da orde do día, case todos relacionados con cuestións académicas e de profesorado, foron aprobados por asentimento. A excepción foi o regulamento de estudos de doutoramento, sobre o que na xuntanza se achegaron múltiples propostas de modificación. Unha delas formulada tamén dende CUPAS referíase á duración dos estudos de doutoramento, iniciados con anterioridade ao presente curso, para adaptala á nova normativa.

Xa no final da xuntanza o noso compañeiro Fernando Sedano, representante do colectivo nacionalista A Trabe, anunciou a súa renuncia a formar parte do Consello de Goberno por pasar asumir un posto en réxime de Encomenda de Funcións, de asesoramento á vicerreitoría de política científica e á xerencia. Dende CUPAS queremos agradecerlle a Fernando o seu traballo, as súas aportacións e o seu talante como digno representante do persoal no Consello de Goberno, sempre aberto á busca da mellora para o persoal ao que representamos e para a USC en xeral.

Recordamos, por se nos queres facer chegar as túas opinións, consultas ou suxestións, que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas:

CAMPUS DE LUGO

TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA

CAMPUS DE SANTIAGO

LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUANMARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA
DÍAZ PÉREZ, JOSÉCABADO LOURÉS, ANXOS
GARCÍA ANGULO, MINIAPAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ
BALEA COTOS, MARTAOREIRO FORMOSO, JUAN
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTINEIROA ROSADO, ELISA
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENAFARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME
PÉREZ TRIGO, ELISEOTABERNERO DUQUE, FERNANDO
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR