INFORMACIÓN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 25 DE XUÑO DO 2024

Sendo fieis unha vez máis ao compromiso de informar, como representantes do persoal, da nosa actividade no Claustro e no Consello de Goberno, informamos a continuación dos asuntos de maior interese tratados na reunión do Consello de Goberno deste martes, 25 de xuño.

Como era de agardar, os dous puntos da orde do día máis salientables foron a aprobación do Plan Estratéxico da USC 2024-2026, así como a aceptación das contas anuais do exercicio 2023. Outros asuntos de importancia, nos que intervimos os representantes de CUPAS, foron a modificación dos estatutos da Fundación USC e a modificación da RPT do PAS funcionario.

O documento presentado para o novo Plan estratéxico da USC, que terá vixencia unicamente para o período 2024-2026, fora elaborado por unha comisión con participación de membros de CUPAS no Consello de Goberno. Nas nosas intervencións neste punto expresamos a nosa reticencia á falta de concreción no punto relativo á descentralización da xestión académica, pois consideramos que pode implicar desigualdades no reparto das cargas de traballo entre centros, así como diversidade de interpretacións nas normas e na súa aplicación.

A nosa pregunta de se o obxectivo 8.5 de Descentralizar a xestión académica, ¿vai a implicar unha redistribución do persoal das UXAs ou un incremento do persoal nos centros? Quedou sen resposta.

As contas presentan resultados positivos, tanto dende o punto de vista contable como orzamentario. Na nosa opinión, compartida creemos que por todos os membros do Consello de Goberno, iso non significa que non se teña que gardar certa cautela de cara ao futuro, xa que este resultado está condicionado en boa parte ao incremento dos ingresos procedentes dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

No Informe de xestión das contas, en relación ao persoal, destácanse entre os elementos máis relevantes do exercicio:

  • O incremento retributivo para o persoal do sector público con efectos do 1 de xaneiro de 2023 o que supuxo un maior gasto por importe de 4,1 millóns de euros no exercicio.
  • A aprobación do Acordo da Carreira horizontal do PAS abonando en 2023 0,7 millóns de euros correspondentes ao 60% do Grao I. O restante 40%, como sabedes aínda se está percibindo dende xaneiro de 2024.

En canto aos Estatutos da Fundación USC, pedimos aclaración sobre a súa modificación e os posibles riscos que poida traer de cara a servizos prestados por persoal propio da USC. Recordamos na nosa intervención que, xa no ano 2019, achegáramos unha consulta ao Consello de Goberno no mesmo sentido e o reitor respondera daquela que se ía ter especial coidado.

O reitor na súa resposta indica que o obxectivo “non é o levar fóra o que está dentro, senón de traer o que está fora á Universidade, a través da Fundación”; por razóns operativas e económicas de servizos que hoxe están sendo prestados por empresas e concesionarios externos.

Tamén se comprometeu a non invadir as funcións do PTXAS e a que toda actividade encomendada á Fundación USC se traería a aprobación no Consello de Goberno. Propuxo finalmente retirar a cláusula que indicaba como obxecto da Fundación USC: “Xestionar, prestar, organizar e realizar calquera outra actividade e servizo instrumental da USC”.

A modificación de estatutos, resultou aprobada con 24 votos a favor, ningún voto en contra e catro abstencións (os tres representantes de CUPAS, máis un representante do alumnado).

A modificación viña derivada principalmente da execución dun proceso de promoción interna independente no ámbito de Arquivos e bibliotecas.

A nosa intervención  foi para amosar a satisfacción pola marcha da promoción interna independente; que pese ás resistencias e incomprensión en orixe, incluso de algún dos representantes sindicais, está permitindo dende 2020 oportunidades de carreira profesional vertical antes inexistentes para o persoal.

Tamén intervimos neste punto para solicitar que se transmita aos servizos da Área de Persoal a felicitación polo extraordinario traballo, en canto a calidade e volume, que están a realizar nos últimos anos en relación ás múltiples convocatorias, de promoción interna e  quenda libre, de estabilización ordinaria e extraordinaria; tanto de PAS laboral e funcionario como de persoal Investigador, e en relación á aplicación da reforma laboral.

No final da xuntanza, no punto de Informe do reitor houbo un espazo para analizar o acontecido nos últimos días polo conflito palestino. En gran medida rexeitáronse por parte dos membros do Consello de Goberno calquera tipo de mostras de violencia e se mostrou apoio ao equipo de goberno. No caso de CUPAS quixemos lembrar aos compañeiros do reitorado e da Balconada que, ou ben non puideron ocupar os seus postos de traballo, ou ben tiveron que traballar nunhas condicións excepcionais.

Recordamos, por se nos queres facer chegar as túas opinións, consultas ou suxestións, que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas:

CAMPUS DE LUGO

TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA

CAMPUS DE SANTIAGO

LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUANMARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA
DÍAZ PÉREZ, JOSÉCABADO LOURÉS, ANXOS
GARCÍA ANGULO, MINIAPAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ
BALEA COTOS, MARTAOREIRO FORMOSO, JUAN
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTINEIROA ROSADO, ELISA
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENAFARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME
PÉREZ TRIGO, ELISEOTABERNERO DUQUE, FERNANDO
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR