INFORMACIÓN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 27 DE DECEMBRO DO 2024

Como facemos despois de cada reunión, co ánimo de dar conta da nosa actividade e participación como representantes do PAS no Claustro e no Consello de Goberno, informamos a continuación dos principais asuntos de interese tratados na xuntanza do Consello de Goberno do pasado 27 de decembro:

Aínda que a orde do día incluía un total de 20 puntos, sen dúbida os dous asuntos de maior interese e relevancia para o persoal eran os Orzamentos de 2025 e o Acordo sobre a Carreira Horizontal do PAS. Tanto un tema como o outro foron aprobados por asentimento de todos os membros do consello de Goberno. Un terceiro asunto relacionado directamente co PAS, a Modificación do Regulamento de Postos Directivos, recibiu os nosos votos en contra.

Como se recordará, a principios de decembro o Claustro xa aprobara as Liñas Xerais do Orzamento nas que se incorporaran as principais emendas propostas polos representantes do persoal no Claustro que nos agrupamos na candidatura CUPAS. As nosas emendas, que foron unha vez máis as únicas presentadas por parte dos membros do PAS, xa contaban co apoio do Claustro e pasaron agora, logo da aprobación polo Consello de Goberno, a formar parte do texto definitivo dos orzamentos da USC para 2025.

Así, en 2025, a partida denominada Plan de persoal e accións de mellora estará dotada con 900.000 €, coa previsión de que se dediquen principalmente a avanzar no desenvolvemento da carreira horizontal e de que nos anos seguintes se dea continuidade a este esforzo orzamentario, de cara a culminar o antes posible a implantación ao 100% das retribucións por carreira horizontal do PAS laboral e funcionario da USC.

Tamén pasaron ao texto definitivo dos orzamentos da USC para 2025 as emendas dos membros do Claustro que nos agrupamos en CUPAS relativas ao Persoal investigador e de apoio á investigación, de cara a avanzar na negociación e mellora das súas condicións laborais, na procura dunha mellor regulación que recoñeza a especificidade das súas funcións e que desenvolva unha carreira profesional adaptada ao seu ámbito.

O documento final dos orzamentos tamén asegura, a instancia dunha emenda de CUPAS, que a Fundación-USC “en ningún momento desenvolverá funcións propias da universidade ou dos seus cadros de persoal”.

Este asunto, do que xa deron conta as organizacións sindicais asinantes do acordo, chegaba agora tamén ao Consello de Goberno, xa que a Lei de emprego público de Galicia e a Lei do Sistema universitario de Galicia requiren que sexa aprobado de forma expresa e formal para a súa validez e eficacia.

O acordo, que resultou aprobado por asentimento, viña acompañado dun Informe no que se indica a existencia de crédito orzamentario en 2025 para facer fronte aos seus custes, e que estes non comprometen a sustentabilidade financeira da USC.

Dende CUPAS, tomamos a palabra neste punto para sinalar que nunca se deberon crear os postos directivos ao marxe da RPT do PAS e ao marxe dos propios estatutos da USC, e que nunca se debeu ter aprobado o seu regulamento. Recordamos que a creación deses postos estaba pendente de sentenza xudicial e que cortaba a carreira profesional do PAS ao impoñer unha estrutura fóra da RPT.

Indicamos tamén, na intervención en nome de CUPAS, que non tiñamos nada en contra das persoas que ocupan actualmente estes postos, que por suposto teñen os seus merecementos; pero que igual que xa votaramos hai dous anos en contra do regulamento tiñamos que votar agora en contra da súa modificación.

A modificación acordada vén a estender os efectos do recoñecemento da carreira horizontal ás persoas que ocupan os postos directivos, unha vez deixen os cargos e volvan formar parte do PAS.

Nesta reunión do 27 de decembro, o Consello de Goberno aprobou tamén a oferta de prazas de novo ingreso nas titulacións de grao, máster e doutoramento para o curso 2025-2026; así como a modificación da normativa de recoñecemento de quinquenios, a oferta de prazas da convocatoria Ramón y Cajal de 2024 e os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas de grao no curso 2026-27.

Sobre calquera destes asuntos podes facernos chegar as túas opinións, consultas ou suxestións. A representación de CUPAS no Claustro está formada actualmente polas seguintes persoas:

CAMPUS DE LUGO

TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA

CAMPUS DE SANTIAGO

LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUANMARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA
DÍAZ PÉREZ, JOSÉCABADO LOURÉS, ANXOS
GARCÍA ANGULO, MINIAPAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ
BALEA COTOS, MARTAOREIRO FORMOSO, JUAN
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTINEIROA ROSADO, ELISA
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENAFARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME
PÉREZ TRIGO, ELISEOTABERNERO DUQUE, FERNANDO
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR