INFORMACIÓN DA REUNIÓN DO CONSELLO DE GOBERNO DO 20 DE FEBREIRO DO 2025

Como representantes do persoal agrupados en CUPAS, informamos a continuación dos asuntos tratados e da nosa participación na reunión do Consello de Goberno deste xoves 20 de febreiro na que se realizaron dúas sesións, ambas de carácter extraordinario.

A primeira das sesións tiña como único punto a proposta de reforma de Estatutos da USC, que se acordou trasladar e poñer en mans da Comisión de desenvolvemento estatutario do Claustro , para continuar o debate de cara á súa aprobación definitiva. Na segunda das sesións acordouse o refinanciamento da actual débeda da USC para poder acometer, segundo se explicou, os compromisos derivados da construción da nova Facultade de farmacia.

Despois de que en novembro se sometera á información pública da comunidade universitaria o borrador inicial, o reitor fixo chegar aos membros do Consello de Goberno un novo borrador de Estatutos no que incorporaron boa parte das suxestións recibidas; aínda que manteñen abertas, sen tomar posición, cuestións como a existencia de Departamentos ou o peso dos distintos sectores nos distintos órganos de goberno.

Os representantes do PAS no Consello de Goberno agrupados en CUPAS presentamos 22 propostas ou suxestións de modificación, das 72 que se formularon, a este novo borrador. As nosas propostas insistían na supresión dos postos directivos e do gabinete do reitor. Tamén presentabamos distintas propostas para unha mellor regulación do persoal de investigación, e sobre a mesa de PTXAS e a negociación de OPEs e RPTs.

Ademais de corrixir propostas de artigos que non viñan ben expresados, as suxestións presentadas por CUPAS incidían igualmente na reserva das funcións técnico-administrativas para o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos. Tamén na prohibición da externalización de servizos e funcións; así como na defensa do papel do Claustro, principalmente no ámbito orzamentario e da programación plurianual.

Algunhas das nosas suxestións foron asumidas polo equipo de goberno e incorporadas como tales ao borrador; mentres que outras se trasladarán como alternativas para o seu debate no Claustro, a quen compete a última palabra.

Hai que sinalar tamén que a posible supresión dos departamentos ou a porcentaxe reservada aos distintos sectores da comunidade universitaria, nos órganos de goberno, tamén se traslada ao Claustro; que será en definitiva onde se decidirá a redacción final dos novos Estatutos da USC.

Na segunda das sesións celebradas este día, o punto único era: Acordo de novación de préstamos á USC polas entidades Abanca e Banco Santander.

Segundo se explicou, para poder asumir os pagamentos previstos da nova Facultade de Farmacia é preciso retrasar o pagamento da actual débeda, de tal forma que os importes previstos para a amortización da débeda dos anos 2025 e 2026 poidan ser destinados á execución da obra. Este retraso hai que facelo a través dunha novación dos créditos pendentes.

Con ese propósito, contando coa autorización previa da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta, subscríbense novos créditos que substitúen aos que xa se tiñan anteriormente coas mesmas entidades.

Os novos préstamos con Abanca (polos importes pendentes de 5,8 millóns €) teñen un tipo de xuro de euribor a 3 meses + 0,92 %,  a un prazo de 8 anos con carencia de 4.

Pola súa parte o novo préstamo con Santander, polo importe pendente de 1,78 millóns €, ten tipo de xuro de euribor a 3 meses + 0,80 %, a un prazo de 7 anos, con carencia de 2 anos.

Sobre calquera destes asuntos podes facernos chegar as túas opinións, consultas ou suxestións. A representación de CUPAS no Claustro está formada actualmente polas seguintes persoas:

CAMPUS DE LUGO

TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA

CAMPUS DE SANTIAGO

LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUANMARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA
DÍAZ PÉREZ, JOSÉCABADO LOURÉS, ANXOS
GARCÍA ANGULO, MINIAPAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ
BALEA COTOS, MARTAOREIRO FORMOSO, JUAN
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTINEIROA ROSADO, ELISA
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENAFARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME
PÉREZ TRIGO, ELISEOTABERNERO DUQUE, FERNANDO
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR