TEMAS MAIS RELEVANTES: INFORME DO VALEDOR SOBRE AS QUEIXAS DO CURSO PASADO E INFORME DE XESTIÓN 2019-2022 DO REITOR
Informamos a continuación dos temas máis relevantes da reunión do claustro universitario celebrada o venres na que, entre outros temas, se debateu o Informe de xestión 2019-2022 presentado polo Reitor. Nesta xuntanza, tamén o Valedor da comunidade universitaria deu conta do seu informe anual, correspondente ao último curso académico finalizado
Informe de xestión do Reitor 2019-2022
O reitor na presentación do seu informe fixo un relato bastante edulcorado da xestión levada a cabo e do grao de cumprimento da Programación Plurianual; tamén fixo fincapé na necesidade de abordar unha reforma dos Estatutos da USC, para adaptalos ao novo marco normativo da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU).
Por parte de CUPAS, valorouse o informe de xestión presentado sinalando que non aporta moito e que pouco se para en canto ao PAS. En calquera caso, recoñecemos que se levou a cabo unha xestión positiva das relacións laborais no ámbito do persoal de Capítulo VI. Outras cousas que apenas se mencionaban no informe en relación ao PAS, nas que é preciso pararse máis e avanzar: Estabilización, Convocatorias de concurso-oposición, Modificacións da RPT, Promocións, Teletraballo ou Carreira horizontal.
Tamén mencionamos como bastante mellorable a política de formación; botando de menos unha formación de persoal planificada, de posta ao día, asociada aos cambios nos cadros de persoal (promocións, novas funcións, actualizacións…)
Expresamos unha vez máis a nosa discrepancia coa creación do Postos directivos ao marxe da RPT do PAS, levada a cabo en 2022: polo que supón de ilegalidade por incumprimento de estatutos, contraria a planificación do propio equipo de goberno, de falta de consenso e diálogo e en definitiva de merma do respecto á profesionalidade do PAS.
Para rematar a nosa intervención neste punto do Informe de xestión do Reitor, reclamamos a posta en marcha dos compromisos asumidos para 2023; aceptados polo equipo de goberno a resultas das emendas que presentamos dende CUPAS aos orzamentos para este ano. Salientando o seguinte:
- Presentación da Planificación no ámbito de PAS para 2023-2026 e da revisión da RPT
- Presentación da Oferta de Emprego Público do PAS para 2023. (A do PDI xa esta publicada en DOG)
- Recuperación das achegas ao Plan de pensións para todos os sectores do persoal.
- Negociación da Carreira horizontal ordinaria
O Reitor na súa resposta, indicou que non compartía a nosa postura a respecto dos Postos directivos ao marxe da RPT, pero que era a vontade do equipo poñerse a traballar, unha vez pasadas as eleccións sindicais, nos compromisos derivados da aprobación dos orzamentos.
Informe do Valedor
Previamente ao punto do informe de xestión do Reitor, presentouse o Informe do Valedor da Comunidade universitaria. O Valedor fixo unha análise e repaso das cerca de 130 queixas e consultas recibidas. En canto ás queixas propiamente ditas, recibíronse un total de 55; das cales a gran maioría foron formuladas por estudantes (41) mentres que PDI e PAS só presentaron 6 e 4 respectivamente. Por parte do valedor sinalouse tamén que se detectan algunhas situacións que pola súa incidencia deben ser destacadas e sobre as que a USC debe adoptar medidas correctoras.
Elección Comisión de Internacionalización
Logo do informe do Valedor, tamén se procedeu á elección dos membros da recentemente creada Comisión de Internacionalización. Unicamente houbo que facer votación por parte dos representantes do PAS xa que nos demais sectores presentábanse un nº de candidatos igual ou inferior aos postos a cubrir. Resultaron elixidos Suso Lamas e Martín cacheiro, por parte de CUPAS, e Alba Cachafeiro, por parte de A Trabe.
Outros temas
Por parte de CUPAS, no punto correspondente á rolda aberta de intervencións, tamén preguntamos pola aplicación do Glifosato nas zoas verdes dos espazos dos campus universitarios da USC. Trátase dun tipo de herbicida moi potente, posiblemente canceríxeno, que está en proceso de prohibición a nivel de Unión Europea. O xerente comprometeuse a eliminar completamente a súa aplicación con carácter inmediato.
Lembramosvos que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas, ás que te podes dirixir para facernos chegar as túas opinións, consultas ou suxestións:
CAMPUS DE LUGO
TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE |
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER |
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA |
CAMPUS DE SANTIAGO
LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUAN | ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR |
DÍAZ PÉREZ, JOSÉ | MARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA |
GARCÍA ANGULO, MINIA | CABADO LOURÉS, ANXOS |
BALEA COTOS, MARTA | PAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ |
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTIN | OREIRO FORMOSO, JUAN |
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENA | EIROA ROSADO, ELISA |
PÉREZ TRIGO, ELISEO | FARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME |
