Tal e como facemos habitualmente despois de cada unha das reunións do Claustro e do Consello de Goberno, sendo fieis ao noso compromiso de dar conta da actividade que realizamos como representantes do persoal, informamos a continuación dos asuntos de maior interese tratados na última reunión do Claustro da USC:
O claustro da USC celebrou este mércores a súa reunión anual máis importante, na que se debaten e aproban as Liñas Xerais do Orzamento e o límite de gasto para o ano seguinte. A participación de CUPAS nesta xuntanza concretouse na presentación para o debate de seis emendas ás Liñas Xerais que, ao seren aprobadas polo Claustro, supoñen cambios importantes con incidencia no persoal en relación ao texto inicial, principalmente a respecto do avance na implantación das retribucións por Carreira Horizontal.
As emendas de CUPAS eran as únicas que se presentaban por parte dos representantes do PAS.
A máis relevante das emendas aprobadas no claustro en relación ao PAS foi a emenda de CUPAS que indica que “se avanzará no desenvolvemento da carreira horizontal para poder acadar en 2025 arredor das dúas terceiras partes dos importes que por este concepto correspondan, en función do grao profesional acreditado polo persoal da USC; o que requirirá tamén nos anos seguintes da continuidade no esforzo orzamentario, que permita culminar a súa plena implementación.”
Para facer fronte a ese compromiso dende CUPAS propoñiamos na nosa emenda que se dotase esa partida con un millón de euros; aínda que no debate no claustro aceptamos a proposta de transacción ofrecida polo equipo de goberno, e estas actuacións en materia de mellora de PAS estarán dotadas finalmente con 900.000 €.
Tamén se aprobaron as emendas de CUPAS que incrementaban a dotación das partidas de mellora de PDI e de Persoal investigador e de apoio á investigación. En relación ao persoal investigador e de apoio á investigación, aprobouse tamén a emenda de CUPAS que indica que “en 2025 se avanzará na negociación e mellora das súas condicións laborais na procura dunha mellor regulación que recoñeza a especificidade das súas funcións, que desenvolva unha carreira profesional adaptada ao seu ámbito e que reduza a conflitividade xudicial.”
Outra das emendas, presentadas por CUPAS e que se aprobaron nesta reunión do claustro en relación ao orzamento da USC para 2025, pretendía resaltar que os límites da masa salarial impostos pola xunta a través da lei de orzamentos da comunidade autónoma non afectan só ao PAS (agora PTXAS) senón tamén ao PDI.
Por parte de CUPAS presentamos tamén outra emenda que resultou aprobada en relación á Fundación USC na que se precisa que “en ningún momento desenvolverá funcións propias da universidade ou dos seus cadros de persoal”.
Finalmente, as liñas xerais do orzamento da USC para 2025 contaron co noso apoio e foron aprobadas no seu texto final por 91 votos a favor, 8 abstencións e un único voto en contra.
Recordamos, por se nos queres facer chegar as túas opinións, consultas ou suxestións que a representación de CUPAS no Claustro está formada polas seguintes persoas:
CAMPUS DE LUGO
TACÓN FERNÁNDEZ, ENRIQUE |
RODRÍGUEZ NUÑEZ, JAVIER |
PIÑEIRO GÓMEZ, VERÓNICA |
CAMPUS DE SANTIAGO
LAMAS ALVARIÑO, JESÚS JUAN | MARTÍNEZ MAQUIEIRA, ALEJANDRA |
DÍAZ PÉREZ, JOSÉ | CABADO LOURÉS, ANXOS |
GARCÍA ANGULO, MINIA | PAZOS GULDRÍS, M. JOSÉ |
BALEA COTOS, MARTA | OREIRO FORMOSO, JUAN |
CACHEIRO MARTÍNEZ, MARTIN | EIROA ROSADO, ELISA |
VÁZQUEZ MARTÍNEZ, ELENA | FARIÑA FERNÁNDEZ ,JAIME |
PÉREZ TRIGO, ELISEO | TABERNERO DUQUE, FERNANDO |
ALONSO MOUGAN, ANA M. PILAR |
