
A importancia da participación nas eleccións ao Claustro
O Claustro Universitario normalmente ten unha actividade bastante reducida, cunha media de dúas reunións anuais. A pesar diso a súa importancia é capital para a comunidade universitaria e particularmente para o PAS e o resto de persoal. Esa importancia vén dada fundamentalmente porque é no Claustro onde se aproban anualmente as Liñas xerais dos orzamentos; e tamén porque é no Claustro onde se elixen unha boa parte dos membros do Consello de Goberno, órgano polo que pasan mensualmente todos os asuntos da universidade incluídos os temas de persoal.
A primeira vista poden parecer moitas as razóns para non lle dar demasiada importancia ás eleccións ao Claustro. O Reitor ou Reitora elíxese agora directamente, sen pasar por un claustro no que as reunións anuais son escasas, a representación do PAS, pese a aumentar cos novos estatutos, segue a ser reducida e boa parte das cuestións que se debaten non parecen próximas aos nosos problemas e intereses.
A verdade é que a participación nas eleccións é moito mais importante do que parece. O Claustro trata asuntos, como:
- Os presupostos ou a programación plurianual, que en boa medida determinan as nosas condicións de traballo e expectativas profesionais e nos que son decisivos os votos da representación do PAS.
- Elíxense os membros do Consello de Goberno, máximo órgano de Dirección colexiado, no que tamén ten unha representación o colectivo de PAS. No Consello de Goberno decídese sobre políticas de persoal e sobre reivindicacións e acordos de tipo sindical negociadas coa Xerencia polo comités de empresa e xunta de persoal funcionario.
Hai polo tanto cuestións que fan importante para o persoal participar nas eleccións ao Claustro do día 23, aínda que na votación paralela para Reitor haxa un único candidato. E é necesario aproveitar todos os votos aos que cada un de nós temos dereito. Con ese fin, en Santiago debemos votar por 17 persoas e en Lugo por 3.
