Balance: Sobre os anteriores catro anos

CUPAS representa un proxecto con continuidade, que ten xa unha traxectoria de traballo moi activo no Claustro. Ao igual que en períodos anteriores, nestes últimos catro anos de mandato do actual Reitor fomos unha representación minoritaria dentro do sector do PAS, tanto no Claustro como no Consello de Goberno (neste último estivemos incluso excluídos ata o último ano e medio). Pese a iso, traballamos de forma intensa cada unha das reunións nas que participamos.

Nós non fomos dos que nos presentamos para, unha vez elixidos, limitarnos á contemplación pasiva, sen pedir a palabra no Claustro nin presentar emendas ou propostas. Nós intervimos e pedimos a palabra no Claustro e Consello de Goberno en defensa de propostas e emendas, tratando sempre de chegar a acordos que permitiran avances ou evitar prexuízos.

Así, no primeiro momento dedicamos os esforzos a axudar a frear a arremetida contra o PAS coa que o xerente comezou o seu mandato e a reclamar a rectificación de feitos e actitudes. De inicio mantivemos unha pelexa de denuncia contra os abusos e en defensa das partidas consolidadas de mellora; por un plan de actuacións a catro anos, tamén para o PAS; así como pola mellora da regulación das condicións do persoal de Cap. VI; aspectos nos que traballamos moi vinculados á representación sindical do persoal.

É de lamentar que en ocasións fomos os únicos representantes do PAS nese labor de proposta e tamén de denuncia. Para CUPAS este era un dos compromisos adquiridos nas eleccións de 2018, que reiteramos agora: actuar sempre con completa independencia de quen sexa elixido reitor e de quen conforma o equipo de goberno.

As emendas e propostas que presentamos no Claustro e no Consello de Goberno no período anterior tratan de moitos temas de interese para o persoal que haberá que seguir defendendo e concretando na próxima etapa. A consecuencia desas propostas e emendas presentadas por CUPAS o equipo de goberno, o Reitor (que continuará un segundo mandato) e o propio Claustro adquiriron compromisos co persoal, entre outros, sobre os seguintes asuntos: estabilización de persoal, promoción Interna, carreira profesional, equiparación de postos, regulación do persoal de investigación e cap. VI, revisión RPTs ou dotación económica para melloras no cadro de persoal.

Hai tamén outros temas sobre os que presentamos propostas e promovemos debate no Claustro e no Consello de Goberno nos que non se chegou a ningún acordo ou compromiso, nin sequera de mínimos, como pode ser o caso do tratamento das comisións de servizo. Neles teremos tamén que seguir perseverando no próximo período.

Como conclusión deste apartado, queremos sinalar que para nós o día das eleccións ao Claustro é o día no que empeza o traballo, para catro anos despois facer un balance que pode ser avaliado, comparado e xulgado polas persoas ás que representamos.