A CANDIDATURA CUPAS E AS PERSOAS QUE A INTEGRAN
As 17 persoas do campus de Santiago e as tres de Lugo que integramos a candidatura CUPAS representamos un proxecto unitario, que agrupa candidatas e candidatos dos distintos sectores do persoal (PAS funcionario e laboral, Cap. VI, fixos, interinos e temporais de distintos grupos e categorías profesionais) co ánimo de reforzar e apoiar, como colectivo, os obxectivos de cada sector, facéndoos comúns e compartidos, e comprometéndonos na súa defensa no Claustro e no Consello de Goberno.
Nese sentido, as persoas que formamos a candidatura CUPAS temos unha vontade unitaria e unha experiencia máis ou menos prolongada de traballo na USC, a veces tamén como representantes no Claustro ou no ámbito sindical, e temos unha vontade integradora de non excluír a ninguén de participar coa nosa candidatura despois tamén das eleccións.
Esa mesma vontade unitaria e integradora aplicarémola no debate e presentación de emendas e propostas no Claustro. O noso compromiso en relación ao novo equipo que formará o Reitor logo das eleccións, independentemente das persoas que o integren, será o de que poderán contar co noso apoio naquelas decisións que melloren a institución como universidade pública e de calidade, e coa nosa disposición ao diálogo e á negociación; pero tamén coa firmeza e a perseveranza que poidan requirir as reivindicacións do persoal ao que representamos.
Os nosos criterios e obxectivos para a USC como universidade pública e de calidade, expresados dunha maneira breve, son os seguintes:
- A USC debe prestar un ensino superior que atenda as ansias de saber da poboación, pero que tamén sexa competiva na súa función de achegar coñecemento para o progreso económico e social
- Para a sociedade galega, a referencia por excelencia da investigación debe ser a USC
- A calidade debe integrarse tamén nas condicións de traballo da USC: o emprego ten que ser estable, con dereitos e cunhas idóneas condicións de traballo. Os cadros de persoal deberán adaptarse permanentemente a novos requirimentos
- A mellora e adecuación continua dos servizos da USC, que será a garantía do mantemento de postos de traballo no futuro e da estabilidade no emprego
- Unha universidade de calidade esixe da sociedade un esforzo para financiala axeitadamente, sendo conscientes de que a sociedade nos esixe un uso responsable e eficiente dos recursos que nos aporta
