O grupo ECOAGRASOC participou neste proxecto liderado pola Fundación CEER
Ana Isabel García Arias no Fórum Vespa velutina, Lisboa, maio de 2022
O proxecto Atlantic Positive chegou ao seu fin o pasado 30 de xuño. Durante catro anos (2019-2023), un equipo multidisciplinar traballou co obxectivo principal de frear a expansión da especie invasora Vespa velutina e minimizar o seu impacto nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do Espazo Atlántico.
O proxecto estivo coordinado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER), involucrando a 10 institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, en colaboración con outros 20 organismos. Os profesores Ana Isabel García Arias e Ibán Vázquez González e a investigadora Mariam Ferreira Golpe, do grupo ECOAGRASOC, fixeron parte do equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) integrado no proxecto.
O impacto económico e ecosistémico da Vespa velutina
Dentro das diferentes liñas de investigación do proxecto, o equipo de ECOAGRASOC centrouse na análise do impacto económico e nos ecosistemas da Vespa velutina. Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura en Galicia, conseguiron estimar que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza do 95%), con datos referidos a 2020. Ademais, da análise tamén se desprende que o custo medio por apicultor/a foi de 561 euros, se ben esta cifra varía por provincias, sendo Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por persoa apicultora. O custo medio por colmea en Galicia ascende a 13,35 euros.
De media, as persoas apicultoras en Galicia investiron o 20% dos seus ingresos pola venda de mel na loita contra a V. velutina.
Por outra parte, o estudo tamén achou que o trampeo é o método máis estendido, supondo aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras na loita contra a V. velutina (e sen contar aquí o apoio das administracións, que tamén repartiron trampas de forma gratuíta). O segundo tipo de custo máis importante foi o destinado á formación, de 64 euros por apicultor/a.
Asemade, o equipo tamén avaliou a incidencia da V. velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe (D.O.). Como conclusións, a V. velutina parece ter tido unha presenza máis temperá na D.O. Rías Baixas, para progresivamente irse estendendo ao resto das zonas de produción. Os danos increméntanse con cada ano que pasa e a praga ten unha maior presenza. As picaduras na froita teñen relevancia, en tanto que favorecen a aparición doutras enfermidades.
Os resultados acadados serán presentados nos próximos meses en distintas reunións científicas. En concreto, o póster “Economic costs and practices to control Vespa velutina nigrithorax in beekeeping: a survey in four regions in Europe” será presentado no congreso da European Association of Agricultural Economists (Rennes, Francia – 29 de agosto); mentres os traballos “El coste económico de las especies invasoras: costes soportados por los apicultores gallegos en su lucha contra la Vespa velutina” e “Tipología de las explotaciones apícolas en la Europa Atlántica” serán presentados no Congreso Español de Economía Agroalimentaria (Zaragoza, 6 de setembro).
Xulio Maside Rodríguez, Mariam Ferreira Golpe e Ana Isabel García Arias, do equipo da USC
O proxecto Atlantic Positive
Atlantic Positive foi aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020, estando financiado ao 75% con fondos FEDER.
De maneira xeral, o proxecto tivo o obxectivo de contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de enfoques integrados para o control da V. velutina e a minimización do impacto desta especie invasora tanto nos ecosistemas como no desenvolvemento socioeconómico da Área Atlántica. Esta tarefa foi levada a cabo grazas á creación de áreas protexidas en espazos naturais rurais e periurbanos, e ao establecemento dunha rede de cooperación transnacional para o desenvolvemento de actividades conxuntas.
Así mesmo, foron establecidas estratexias de prevención e un Plan Estratéxico Atlántico para protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, e foron realizadas campañas de educación e formación. Finalmente, as redes de cooperación que se formaron ao longo do proxecto serán mantidas no futuro para seguir mellorando a economía do sector apícola.