O Grupo de Innovación Docente Ruralia, do que fan parte varios investigadores de Ecoagrasoc, organiza a mesa redonda ‘Impactos no territorio do proxecto Altri’, na que profesorado do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) avaliará as consecuencias que esa industria podería ter en caso de chegar finalmente a instalarse en territorio galego. O evento terá lugar o próximo martes 23 de abril ás 19h00 na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo.
Os conferenciantes son os profesores Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manual A. Rodríguez Guitián, da Escola Politécnica Superior; e analizarán os impactos que a macro-planta de Altri podería ter en distintos ámbitos: modelo forestal, recursos hídricos e flora e hábitats naturais.
–Eduardo Corbelle, Doutor Enxeñeiro de Montes, é profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría. A súa liña de investigación principal está relacionada coa xestión de terras. Centrará a súa intervención no impacto que esta industria pode ter no afondamento do modelo forestal baseado no eucalipto e a produción de madeira de baixo valor.
–Montserrat Valcárcel, Doutora Enxeñeira de Agrónoma, é profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía. A súa liña de investigación principal é a xestión de recursos hídricos. Centrará a súa intervención no impacto que o consumo de auga pode ter a nivel da bacía do Ulla.
–Manuel A. Rodríguez Guitián, Doutor en Bioloxía, é profesor da área de Produción Vexetal. A súa liña de investigación principal é a caracterización ecolóxica da cuberta vexetal e da avaliación do seu valor de conservación no NW ibérico, particularmente dentro do contexto dos espazos naturais protexidos. Centrará a súa intervención na análise dos informes de avaliación sobre flora e hábitats que forman parte da documentación sometida a exposición pública e a súa transcendencia no marco dunha iniciativa empresarial declarada como “proxecto industrial estratéxico”.
O proxecto da empresa pasteira portuguesa Altri en Palas de Rei (Lugo) consiste na implantación dunha macro-planta de celulosa, cunha extensión equivalente a catro veces a fábrica de ENCE en Pontevedra. O proxecto conta coa declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) por parte da Xunta de Galicia. Estímase que tería un consumo anual de 1,2 millóns de toneladas de eucalipto, utilizaría diariamente 46.000 metros cúbicos de auga e expulsaría 30.000 metros cúbicos de refugallos tratados ao río Ulla.