Skip to main content

O fiddle Darol Anger e a guitarrista Emy Phelps ofrecen o luns 19 unha clase maxistral e un concerto na Casa do Saber de Lugo

A actividade didáctica, organizada pola USC en colaboración con Galicia Fiddle, é gratuíta e vai dirixida a estudantes de corda de Grao Elemental e Medio

O violinista Darol Anger e a guitarrista Emy Phelps ofrecerán o vindeiro luns, día 19 de maio, a partir das 18.00 horas, un obradoiro e unha clase maxistral de corda no auditorio da Casa do Saber de Lugo. Ao remate desta actividade didáctica, organizada pola USC en colaboración coa asociación Galicia Fiddle e dirixida a estudantes de corda de Grao Medio e Elemental, Anger e Phelps ofrecerán, a partir das 20.00 horas, un concerto de fiddle aberto ao público e con entrada de balde.

O violinista Darol Anger, que tamén é compositor e produtor musical, destaca entre os fiddlers modernos pola súa profundidade e versatilidade. Inventor dunha técnica de arco coñecida como ‘chop’ e que permite empregar o violín como instrumento de percusión harmónico, este fiddler é na actualidade profesor na Berklee College of Music en Boston. A cantante, letrista e guitarrista Emy Phelps, oriunda do estado norteamericano de Oregón e que protagonizou desde finais dos anos 80 numerosas representacións pola noroeste do Pacífico de Estados Unidos, ten desenvolvida unha investigación sobre a música indíxena en Perú. O estilo ecléctico é unha das características da súa voz, así como da súa música e das súas composicións.

The contents of this page were updated on 05.16.2014.