Comeza a segunda edición do Máster Universitario en Tecnoloxías da Información
O catedrático da Universidade de Granada e CEO de Virtual Solutions, Juan Luis Castro Peña, pronuncia este luns 24 a conferencia inaugural da segunda edición do Máster Universitario en Tecnoloxías da Información. Organizada polo CITIUS, celebrarase a partir das 18.30 horas no Salón de Actos do centro. “A transformación do coñecemento científico en coñecemento aplicado. O caso de Virtual Solutions” é o título da conferencia na que Castro Peña abordará as fórmulas que poden empregar os investigadores para que os seus proxectos callen no tecido social e produtivo. Neste senso, o conferenciante analizará a situación actual no eido da investigación, que malia recoller unha destacada produción científica e obter patentes non consegue trasladar os seus avances á vida cotiá. En opinión de Castro Peña a comunidade científica asumiu como indicador principal da relevancia das investigacións o volume de publicacións en medios, prestixio destes e as referencias feitas, aplicando un baremo máis cuantitativo ca cualitativo e perdendo a correlación necesaria entre a calidade da investigación e os índices que a avalían. O catedrático da Universidade de Granada porá como exemplo o ámbito das tecnoloxías informáticas en España, eido que xera multitude de publicacións e citas e, non obstante, non logra avances salientables. Na súa opinión, esta falta de rigor na avaliación tamén abrangue a outros índices, como o rexistro de patentes, afectado tamén pola falta de transferencia. O reto da transferencia á sociedade Castro Peña proporá reconducir as investigacións e orientalas aos resultados, de xeito que creen posibilidades de negocio e colaboracións reais. Neste senso achegará a súa experiencia á fronte de Virtual Solutions, a Electronic Benefit Transfer (EBT) da Universidade de Granada que xurdiu para transferir os resultados obtidos en proxectos de investigación nas áreas da linguaxe natural, razoamento, tecnoloxías web e multimedia. De feito, esta EBT desenvolveu asistentes virtuais para distintas organizacións, PEMES e universidades. O relator compartirá cos asistentes cales son os sectores máis favorables, as pautas a seguir, os posibles erros e o balance económico e persoal de transferir avances tecnolóxicos para o seu aproveitamento social.