Expertos de toda Europa piden en Bruxelas unha aposta polos sistemas agroforestais na reforma da Política Agraria Común
A reforma da Política Agraria Comunitaria (PAC) segue en debate, e o futuro dos diferentes sistemas e actividades agrarias de Europa está a decidirse. Recentemente celebrouse en Bruxelas a Primeira Conferencia Agroforestal Europea, organizada pola Federación Agroforestal Europea (EURAF), cuxa secretaria é a profesora da Escola Politécnica Superior da USC no Campus de Lugo, Rosa Mosquera Losada. O encontro incluíu unha reunión cun grupo de parlamentarios comunitarios co obxectivo de facerlles chegar as propostas desta federación á reforma da PAC para o sexenio 2014-2020, e que se resumen na aplicación dos principios da agrosilvicultura: "O mantemento de sistemas agroforestais como a devesa, xunto ao establecemento de novos sistemas agroforestais para producir madeira de calidade ou a introdución de gando en terreos forestais co obxecto de reducir o risco de lume debe promoverse de maneira decidida a nivel nacional e europeo", afirma Mosquera, para quen "desde as institucións europeas percíbese unha gran receptividade por esta forma innovadora de facer agricultura". A vontade e necesidade de camiñar cara a unha agricultura máis verde, menos dependente da enerxía, fertilizantes e pesticidas, obriga a redobrar os esforzos por atopar e apostar por formas máis ecolóxicas e sustentables de facer agricultura. Segundo Mosquera, "estes novos modelos deben basearse no mellor uso dos recursos propios do sistema, e depender menos de elementos externos. É o que se denomina a intensificación ecolóxica da agricultura. E esta debe ser a base á súa vez para a produción de produtos de alta calidade". A EURAF elaborou unha serie de propostas que se lle trasladaron aos responsables políticos europeos, entre as que destaca a necesidade de incluír os diferentes sistemas agroforestais entre as terras elixibles nos pagos directos da PAC e a necesidade de apoiar financeiramente o establecemento de novas parcelas agroforestais mediante plantación de arborado en terras agrícolas ou o aclarado de parcelas forestais onde isto supoña un beneficio ambiental. Rosa Mosquera asegura que nesta reforma "Galicia e o resto de España teñen moito que gañar, pola gran extensión dos seus sistemas agroforestais e pola súa utilidade nas políticas de prevención de incendios e de mitigación e adaptación ao cambio climático". Interese pola agrosilvicultura Aagrosilvicultura é a integración de árbores-cultivos, árbores-gando ou árbores-cultivos-gando na mesma superficie agraria e polo xeral ao mesmo tempo. Trátase de cultivar e pacer entre árbores ou vexetación leñosa, beneficiándose dos seus múltiples efectos positivos para o sistema, ademais de servir a árbore como unha fonte complementaria de recursos comerciais: "Pode traducirse en cultivos herbáceos entre filas de árbores froiteiras ou de madeira de calidade, parcelas de cultivos con perímetros arborados, sistemas de pastoreo con arborado aberto, como as devesas, ou pastoreo en bosques e plantacións forestais como ferramenta de prevención de incendios", indica Gerardo Moreno, profesor da Universidad de Extremadura e delegado nacional da EURAF. Con todo, estes sistemas combinados, en moitos casos con compoñentes tanto agrícolas como forestais, sempre tiveron mal encaixe na PAC, de forma que se favoreceu a simplificación e especialización dos sistemas agrarios en detrimento dos sistemas agroforestais, antes moi presentes nas paisaxes rurais europeas. As experiencias e estudos realizados permitiron acumular unha abundante información científica que xustifica o interese renovado por estes sistemas. Así o reflicten as palabras de María de los Ángeles Benítez, da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, durante a conferencia: "Os sistemas agroforestais son un redescubrimento dunha forma creativa e sustentable de facer agricultura". Perspectivas favorables Neste encontro tomaron parte a Secretaría sobre Cambio Climático, Biodiversidade e Desenvolvemento Sustentable do Parlamento Europeo, a Oficina Europea para a Conservación e o Desenvolvemento (EBCD), a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) e a Federación Europea de Sistemas Agroforestais, e nela participaron arredor de cen expertos entre responsables políticos, representantes de agricultores e ONGs e recoñecidos investigadores. Neste foro quedou patente o apoio á agrosilvicultura, e destacouse que era "o momento oportuno para levala ao centro do debate sobre a reforma da PAC", ao tempo que se ofreceron solucións para impulsar o potencial dos sistemas agroforestais en Europa baixo unha PAC "máis verde e competitiva". O europarlamentario Gaston Franco afirmou que, para afrontar os retos en economía, seguridade alimentaria e medio ambiente, "a agrosilvicultura fainos repensar o papel das árbores nunha agricultura de alto valor natural". Porque, segundo os relatores da conferencia, "a agrosilvicultura non é un impedimento para a agricultura, senón un activo: pode contribuír á loita contra o cambio climático, a erosión do chan, a conservación da biodiversidade, a dispoñibilidade, o risco de incendios e a calidade da auga, á vez que se incrementa a produtividade e a rendibilidade para o agricultor". Antonia Andúgar, desde Copa-Cogeca (representante de asociacións de agricultores e cooperativas europeas), sinalou que os agricultores "están animados a implantar sistemas agroforestais se se superan os atrancos regulamentarios, legais e financeiros", polo que "é preciso establecer na PAC criterios máis flexibles de elixibilidade para os pagos directos, dada a alta diversidade de sistemas agrarios, incluídos os agroforestais, que hai en Europa". Rosa Mosquera, durante un dos relatorios, acompañada por Adolfo Rosati, delegado nacional de EURAF para Italia Rosa Mosquera, nunha mesa redonda da Conferencia, acompañada de varios expertos da EURAF