As universidades galegas recibirán financiamento da Xunta de Galicia para o financiamento de infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación

Os tres reitores das universidades de Santiago, Vigo e a Coruña, Juan Casares, Salustiano Mato e Xose Luís Armesto, respectivamente, asinaron este luns co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tres convenios de colaboración a través dos que o goberno autonómico dota cada unha das universidades galegas cun millóns de euros para o financiamento das infraestruturas científico-tecnolóxicas de investigación. Como apunta, a administración autonómica, este investimento supón unha nova aposta pola I+D desenvolvida no Sistema Universitario de Galicia (SUG) e “por establecer as bases dunha Galicia cunha economía que teña o coñecemento, a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico como liñas de progreso”. Ao abeiro dos convenios, as universidades do SUG poderán financiar gastos de equipamento dos grupos e centros de investigación, tales como material, gastos de reparación e mellora dos centros e laboratorios vinculados á actividade investigadora, entre outros. Deste xeito, as institucións universitarias promoverán o desenvolvemento de actividades que relancen a calidade da actividade investigadora nos seus respectivos centros, co fin de convertelos en centros de referencia e excelencia na produción científica, cunha importante capacidade competitiva e de transferencia á sociedade. Esta actuación vai enmarcada no Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que marca como obxectivo prioritario estimular o crecemento económico e social de Galicia mediante o impulso e a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico. Para isto, o Plan establece nos seus eixes estratéxicos 2 e 3 a necesidade dunha maior estruturación do sistema público de investigación, de maneira que se cree unha contorna favorable á investigación, que garanta a eficiencia operativa e financeira.