Un artigo de investigadores da USC, portada da revista científica JACS

A recoñecida revista científica JACS (Journal of the American Chemical Society) seleccionou para unha das súas últimas portadas un artigo dos investigadores da USC Félix Freire e José Manuel Seco, que ademais foi clasificado como spotlight (un dos máis destacados) de entre os recentemente publicados. Os dous científicos pertencen ao grupo de Ricardo Riguera e Emilio Quiñoá do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS). O artigo ‘Nanospheres with Tunable Size and Chirality from Helical Polymer–Metal Complexes’, aparecido en JACS o 28 de novembro, é a continuación de dous traballos anteriores publicados na prestixiosa revista Angewandte Chemie durante 2010 e 2011 e que se enmarcan nunha liña de traballo sobre sensores baseados en polímeros intelixentes que responden a estímulos externos. Nanoesferas A investigación describe unhas novas nanoesferas de tamaño axustable e quiralidade helicoidal obtidas a partir de complexos polímero helicoidal-ión metálico. Esta nova familia de nanoesferas, obtidas por complexación de metais divalentes e polímeros de tipo poli(fenilacetileno), presenta dúas interesantes propiedades: o seu diámetro pode ser axustado en función da relación polímero/ión metálico e pódese cambiar o seu sentido de xiro helicoidal engadindo ións metálicos. Ademais, expuxéronse exemplos que demostran a súa capacidade de encapsulamento, por exemplo con nanopartículas magnéticas de óxido de ferro, puntos cuánticos e marcadores fluorescentes. As nanoesferas formadas por autoensamblaje supramolecular son de grande interese para encapsular moléculas funcionais para a súa posterior subministración, podendo ser utilizadas nunha ampla variedade de tecnoloxías, tales como a subministración de fármacos, cosméticos e nanoreactores. Na foto (primeiro e segundo na fila de atrás pola esquerda) Jose Manuel Seco e Félix Freire