Skip to main content

As III Xornadas da paisaxe profundan no paseo como clave na construción da experiencia paisaxeira

Os profesores da USC María Luisa Sobrino Manzanares e Federico López Silvestre dirixen as III Xornadas da Paisaxe que se desenvolverán entre os días 16 e 19 de outubro no CGAC. Nesta ocasión, e logo das celebradas en 2006 sobre novas estéticas e estruturas da paisaxe, tomarase o paseo como clave na súa construción.
O encontro, cuxo prazo de inscrición continúa aberto ata o 15 de outubro, supón a continuación dunha liña de investigación centrada na análise dos diferentes factores que interveñen no contorno natural e urbano. Trátase de destacar a capacidade estruturadora dos camiños no territorio e, especialmente, de salientar cómo ese paseo está tamén na orixe das experiencias estéticas que axudaron a dar forma a algunhas das prácticas literarias, artísticas e arquitectónicas máis interesantes da actualidade.
Baixo o título ‘Paseantes, viaxeiros e paisaxes’, este terceiro foro contará coa participación de profesionais como os artistas Perejaume, Bleda y Rosa, Montserrat Altet e Ignacio Pérez-Jofre; o arquitecto Francesco Careri; o enxeñeiro Miguel Aguiló; os xeógrafos Joan Nogué e Nicolás Ortega; historiadores da arte como Carmen Pena, Manuel Segade e Rubén Blanco; o musicólogo Juan-Gil López; os filósofos Jacques Leenhardt, Marcial Gondar e Gonzálo Barrena; e o especialista en xeopoética César Domínguez Prieto.
Froito dos traballos derivados de cada xornada, edítanse os seus respectivos catálogos, coa colaboración extraordinaria na última publicación do artista británico Richard Long, referencia internacional da arte conceptual e a land-art.

The contents of this page were updated on 10.11.2007.