Skip to main content
  • USC Life

O Campus Terra cobra relevancia no sector ‘agrotech’ e sitúa a ‘startup’ Innogando entre as de maior proxección de España

O CEO de Innogando, Elio López, amosa o dispositivo Rumi no Campus de Lugo
O CEO de Innogando, Elio López, amosa o dispositivo Rumi no Campus de Lugo
A empresa nada en Lugo a iniciativa do veterinario Elio López, figura no ‘Top 15’ das empresas constituídas na última década no ámbito biotecnolóxico, co que están ligadas outras spin-off luguesas como TimberSoul by Cándido Hermida, iBoneLab, TasteLab, 3eData ou startups como Aleutos ou Aobá Upciclyn
Lugo

O Campus Terra da USC é cada vez máis protagonista no puxante sector ‘agrotech’ de España, que lidera o número de empresas deste sector en Europa logo da constitución dunhas 750 iniciativas empresariais na última década. A inclusión de Innogando, unha empresa agromada na sede universitaria luguesa a iniciativa do entón estudante de Veterinaria de Cospeito, Elio López, entre as 15 ‘startups’ nacionais con maior proxección, segundo se recolle no último ránking publicado por El Referente, a revista líder de información sobre startups e innovación en España.

A progresiva aplicación de avances tecnolóxicos está a acelerar a modernización do tradicional mundo agrario, tanto no que atinxe á mellora da súa rendibilidade e eficiencia como ás condicións laborais e de benestar das persoas que traballan neste sector. Esta conxuntura, unida ao carácter esencial do sector agrícola para proveer recursos alimentarios, propicia o xurdir de novas startups ao tempo que aumenta un volume de negocio que en 2020 superou os 21.000 millóns de euros, máis dun 15% máis, segundo recolle o informe AgriFoodTech.

O CEO de Innogando, empresa nada ao abeiro do programa Explorer, que lanzará o 13 de outubro a súa nova convocatoria no portal SantaderX, Elio López, sinala neste senso que o cometido desta empresa é o de mellorar o grao de benestar do sector agrogandeiro a través da achega de recursos tecnolóxicos para empresas, produtores e que tamén redunden en beneficio do consumidor final. Nesta liña, López destaca a robótica, a conexión a internet con baixo consumo enerxético, os drons  e, entre outros, as tecnoloxías de sensorización e de recollida de datos, como avances que reportan beneficios para o desenvolvemento do sector agrogandeiro e da súa industria.

Alén de Innogando, a contribución do Campus de Lugo da USC a este despegue do sector ‘biotech’ non é menor, tal e como indican desde a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, que fan fincapé nas iniciativas empresariais que saen da comunidade universitaria no ámbito biotecnolóxico, unha relación cada vez máis ampla e entre as que cómpre citar 3edata, TasteLab, Timbersoul, iBoneLab ou, startups como Aleutos o Aobá Upciclyng, tal e como se denomina a proposta de Karol Farias, que acadou o primeiro premio da Semana da moda circular e sustentable de Madrid.

Listaxe de startups con maior proxección do sector agrotech en España
Listaxe de startups con maior proxección do sector agrotech en España
The contents of this page were updated on 10.03.2022.