Skip to main content

Arranca a construción da nova Facultade de Farmacia, co horizonte no curso 2027-28

De esquerda a dereita, Reyes Laguna. Román Rodríguez, Antonio López, Alfonso Rueda, Goretti Sanmartín e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Reyes Laguna. Román Rodríguez, Antonio López, Alfonso Rueda, Goretti Sanmartín e Javier Ferreira. Foto: Santi Alvite
Este mércores tivo lugar o acto de colocación da primeira pedra do que será o primeiro centro do complexo de Ciencias da Saúde
Santiago de Compostela

“No curso 2027-28 inauguraremos unha nova facultade que mellorará en moito a que clausuraremos”. Esa é a expectativa marcada este mércores polo reitor da Universidade de Santiago no acto simbólico de colocación da primeira pedra da nova Facultade de Farmacia no que interviñeron ademais o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o membro do equipo redactor do proxecto e director da obra, Pedro Diéguez.

O Plan de Infraestruturas da USC aprobado en decembro de 2019 identificaba como actuación prioritaria dotar dun novo inmoble á Facultade de Farmacia, tendo en conta o grave estado de deterioro da súa sede actual e a dificultade para reformala e a conveniencia de dotala de instalacións adecuadas para o papel que na actualidade representa no ámbito sanitario.

A Facultade integrarase no novo centro de Ciencias da Saúde, un complexo modular formado por catro volumes conectados entre si que está previsto que albergue tamén a Facultade de Enfermaría e un centro de investigación no ámbito biosanitario e que, como explicou Pedro Diéguez, “favorecerá o uso compartido de recursos para a docencia e a investigación”; todo isto integrado no polo biosanitario que se está a configurar arredor do eixe da Avenida Mestre Mateo e a Choupana, onde xa están situados moitos centros universitarios da rama ademais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

A construción do aulario e do edificio de prácticas de Farmacia supón a Fase I do complexo de Ciencias da Saúde, á que lle seguirán en restantes fases a construción do resto do aulario e do edificio de prácticas de Enfermaría, a do centro de investigación e, por último, o aparcadoiro.

Final dun camiño e comezo doutro

“É o proxecto máis necesario e prioritario que tiñamos na universidade, pero a súa magnitude fixo que se dilatase case unha década no tempo”, dixo o reitor, quen por esa razón quixo mostrar o seu especial agradecemento a toda a comunidade da Facultade de Farmacia “por confiar en nós e pola paciencia logo de tantos anos sen un centro en condicións axeitadas”.

López tivo tamén palabras de agradecemento a toda a Universidade “polos esforzos na redución de gasto corrente que permitiron destinar os recursos ao novo centro”, ao equipo de arquitectos polo seu proxecto “comprometido coas necesidades da facultade”, á Xunta de Galicia “por entender a importancia deste proxecto e atender a necesidade dun Plan de Infraestruturas”, ao Concello de Santiago por dar todas as facilidades para que este día sexa unha realidade” e aos colexios profesionais “pola súa confianza e apoio”.

Pola súa banda, a alcaldesa cualificou o día de hoxe como de “congratulación colectiva non só para a comunidade universitaria senón tamén para toda Santiago de Compostela, que sempre foi unha cidade de coidados”. Manifestou tamén o seu desexo de que remate en tempo a primeira fase e “se continúe coas seguintes para que a Cidade da Saúde sexa unha realidade”. Colleu a testemuña deste desexo o presidente da Xunta, que clausurou o acto dicindo que se trata “do final dun camiño iniciado hai 14 meses dende que asinamos o compromiso financeiro” pero que “supón o comezo da construción da Cidade da Saúde”.

O acto deste mércores contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González; o xerente da USC, Javier Ferreira; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a decana de Farmacia, Reyes Laguna, e anteriores decanos do mesmo centro, así como representantes doutros centros de ciencias da saúde da USC e dos colexios profesionais.

O edificio

A obra desta primeira fase contempla a cobertura das necesidades da Facultade de Farmacia en canto a docencia teórica, con 12 aulas de 100 estudantes e 9 de 50, e práctica, con 17 laboratorios de prácticas, 4 aulas de informática e seminarios, unha sala branca, unha zona de cultivos e salas de conxeladores. Haberá tamén unha zona de convivencia e conciliación para a comunidade do centro, a área de goberno, representación e administración e outra área de despachos e espazos de traballo para o profesorado.

O concurso para a construción do inmoble, cunha superficie de 14.500 metros aproximados, gañouno a construtora Obrascon Huarte Lain (OHLA), que presentou unha oferta por un total de 23.426.799,11 euros e un prazo de execución de 22 meses.

Ademais da calidade dos espazos en relación ás actividades de docencia teórica e práctica, destacan as medidas de eficiencia enerxética, tanto pasivas como activas: control solar das fachadas acristaladas ou control do ciclo da auga, cuberta vexetal e uso de materias con baixa pegada de carbono; climatización e ventilación eficientes programadas para as necesidades de cada espazo, sistema de aerotermia de alta eficiencia para frío e calor e instalación eléctrica fotovoltaica de 220 kw que cubrirá unha parte moi importante da demanda eléctrica do edificio. Destaca tamén a redución nun 16% da superficie con respecto ao volume actual da facultade de Farmacia e que as áreas de administración e goberno, biblioteca, área de convivencia, zonas comúns e instalacións se compartirán coa futura Facultade de Enfermaría e do centro de investigación.

Antecedentes

A USC completou en novembro de 2022 a urbanización da parcela, obra co financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade da Xunta de Galicia. Neses días dábase a coñecer o gañador do concurso de proxectos, a UTE formada por Oikos Estudios SLP, dos arquitectos Alfredo Freixedo Alemparte e Pedro Diéguez Iglesias, e mais polos arquitectos Jorge Salgado Cortizas e Celso López Marín, que asinaron o contrato a comezos de marzo de 2023. Tanto o concurso como a redacción do proxecto tiveron financiamento do Plan de Infraestruturas do Sistema Universitario Galego, 2023-2026 e outros convenios coa Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

A xuízo do xurado, o proxecto seleccionado destaca “pola coherencia da súa solución, fundamentada na correcta comprensión e análise das necesidades descritas nos pregos e no atinado diagnóstico dos principais problemas que se deben resolver” e que “propón unha execución por fases extremadamente conveniente, incluíndo a posibilidade dunha execución parcial da fase 1, prioritaria para a USC”.
 

As autoridades comentando a maqueta do proxecto. Foto: Santi Alvite
As autoridades comentando a maqueta do proxecto. Foto: Santi Alvite
Maqueta do proxecto de Ciencias da Saúde. As autoridades comentando a maqueta do proxecto. Foto: Santi Alvite
Maqueta do proxecto de Ciencias da Saúde. As autoridades comentando a maqueta do proxecto. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 11.05.2025.