A EPSE fortalece a través do proxecto AF4EU a transición europea cara a unha agricultura sostible e resiliente
O proxecto europeo AF4EU culmina a súa traxectoria de tres anos fortalecendo o papel da agroforestería na transición europea cara a unha agricultura sostible e resiliente. Á conferencia final do proxecto que se desenvolveu en Bruxelas, sumóuselle este martes 11 unha sesión no Parlamento Europeo na que se debateu como integrar a agroforestería de maneira máis eficaz nas iniciativas agrícolas e ambientais da UE e na que participou a catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), María Rosa Mosquera Losada.
O 10 de novembro, desenvolveuse a conferencia final ‘Think Agroforestry: Enhancing Business Models and Advisory Services’ en Bruxelas. O evento reuniu especialistas de Europa, responsables políticos, persoal investigador e profesionais da agricultura, para explorar como a agroforestería pode impulsar o desenvolvemento de modelos de negocio e marcos de asesoramento máis sostibles en todo o continente.
Organizada pola USC e a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), a conferencia presentou os principais resultados do proxecto AF4EU, entre os cales se inclúen ferramentas innovadoras, sistemas de apoio á toma de decisións e asesoramento en políticas públicas, deseñadas para fomentar un enfoque máis integrado da xestión do agroforestal. Esta exposición de resultados puxo sobre a mesa como as prácticas agroforestais melloran a saúde do chan, a biodiversidade e a competitividade no mundo rural.
Na xornada do 11 de novembro, AF4EU trasladou o debate ao Parlamento Europeo co desenvolvemento dunha Sesión Parlamentaria ‘Integrating Agroforestry Innovations into EU Policy’, co apoio de Nicolás González Casares, membro do Parlamento Europeo. Esta sesión de alto nivel reuniu representantes das institucións da UE, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e a especialistas para debater como integrar a agroforestería de maneira máis eficaz nas iniciativas agrícolas e ambientais da UE. O debate centrouse en reforzar a súa coherencia, mellorar os mecanismos de seguimento e desenvolvemento de capacidades, e impulsar os agricultores a través do coñecemento e a innovación.
En conxunto, estes dous eventos reflicten a contribución de AF4EU á transición agroecolóxica de Europa. Vinculando a investigación, a práctica e as políticas públicas, o proxecto demostra que as prácticas agroforestais non só son unha solución ambiental, senón tamén unha oportunidade económica viable para os agricultores e as comunidades rurais.