Skip to main content

As tres universidades galegas e as consellarías de Educación e Sanidade acordan a colaboración na docencia clínica do grao de Medicina da USC

De esquerda a dereita, Román Rodríguez , Xosé Luís Armesto, Juan Viaño, Salustiano Mato e Rocío Mosquera. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Román Rodríguez , Xosé Luís Armesto, Juan Viaño, Salustiano Mato e Rocío Mosquera. Foto: Servimav-USC

As Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo) e as consellarías de Sanidade e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinaron un documento marco que establece que a partir do curso 2015-2016 o profesorado da UDC e de UVigo que imparte docencia en titulacións propias desas universidades en áreas de coñecemento relacionadas coa medicina poderá colaborar na docencia clínica do grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. O documento, que establece os principios dun acordo específico a asinar en breve, foi ratificado este mércores na Reitoría compostelá polos máximos responsables das tres institucións educativas, Juan Viaño, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato, e os conselleiros Román Rodríguez e Rocío Mosquera. Este acordo sitúa a responsabilidade académica do Grao en Medicina exclusivamente na USC, sendo os órganos de goberno e os departamentos da facultade compostelá – “que debe seguir a ser a única que exista en Galicia e a que imparta o único grao en Medicina do SUG”, reza o acordo– os encargados da planificación e organización docente da titulación. O reitor da USC Juan Viaño cualificou este acordo como un “exercicio de responsabilidade” que favorecerá un mellor aproveitamento dos recursos do SUG e do Sergas e contribuír “ao recoñecemento académico dos e das profesionais” á vez que asegurar unha formación de calidade nun ámbito “no que a facultade da USC é o buque insignia”. Na mesma liña, Xosé Luís Armesto cualificou o acordo de exemplar, ademais de consideralo herdeiro do espírito sobre o que hai 25 anos se creou o actual sistema universitario galego. Este marco de cooperación permitirá optimizar tanto os recursos humanos como as infraestruturas e proxectalos cara a mellora da docencia, dixo o reitor da Coruña. A cooperación que agora asumen as universidades galegas “dará músculo e proxección ao SUG e en concreto á Facultade de Medicina da USC”, afirmou Salustiano Mato. Co acordo, estes estudos e o estudantado terán todo o apoio do sistema de saúde galego e de todos os activos universitarios dedicados ao desenvolvemento da investigación neste ámbito e incidirá “na nosa capacidade de ser mellores en asistencia sanitaria” engadiu o reitor vigués. O conselleiro de Educación e a conselleira de Sanidade puxeron en valor o simbolismo deste principio de acordo que consideran un paso adiante para Galicia e unha acción a prol do interese xeral do alumnado e do conxunto do sistema universitario e do Servizo Galego de Saúde. A sinatura protocolario do documento é a manifestación última dun “acto de xenerosidade e traballo conxunto” das universidades galegas e a instantánea dun “momento histórico de colaboración”, dixo a conselleira Rocío Mosquera. O marco definido no documento que subscribiron as universidades galegas e a administración autonómica “é bo para Galicia, para o estudantado e para os profesionais” e é posible grazas á xenerosidade dos reitores, engadiu Román Rodríguez. Criterios do acordo A partir de agora o Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia (CCDCG) proporá ao reitor da USC, previa proposta das universidades da Coruña e Vigo, o persoal que pode colaborar na docencia clínica do grao de Medicina nos seus hospitais universitarios. A Facultade da USC disporá deses docentes determinando, para cada curso académico, as áreas, materias e créditos nos que impartirán docencia. Agás acordo expreso, para cada área de coñecemento o número de persoal docente e investigador das outras universidades adscrito a esta modalidade non poderá superar un máximo que se fixará ao redor do 15% das necesidades de persoal que teña a USC na área afectada. En particular, tenderase a que nas materias de práctica clínica e rotatorio do último curso do grao que deban impartirse nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo impartan docencia, respectivamente, Profesores Asociados de Ciencias da Saúde (PACS) da UDC e da UVigo adscritos ao Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) ou ao Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (INIBIV). Do mesmo xeito, a USC tamén poderá contar con PACs propios nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo. Esta vía de colaboración non alterará a autonomía da USC para definir as súas necesidades de contratación de profesorado neste grao. Os PACS da USC que teñan a condición de investigador principal ou coordinador dun proxecto ou grupo de investigación vinculado ao INIBIC ou ao INIBIV poderán solicitar voluntariamente a subrogación do seu contrato nas Universidades da Coruña ou Vigo, respectivamente. Do mesmo xeito, poderán solicitar voluntariamente a subrogación dos seus contratos os PACS da USC que desempeñen un cargo directivo na estrutura de goberno dos citados institutos de investigación da Coruña e de Vigo.

The contents of this page were updated on 04.29.2015.