Presentación da sétima edición da plataforma arte sonora e electroacústica 'Sons Creativos'
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, presentará este mércores, a partir das 11.30 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo a sétima edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora que constitúe unha aposta polas últimas propostas do ámbito da música contemporánea, da creación electroacústica e da arte sonora.
O deputado provincial delegado das áreas de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, tamén participarán no acto de presentación deste programa, organizado polo Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a co dirección de Inmaculada Cárdenas. A nova edición do proxecto ‘Sons Creativos’, que se desenvolverá na capital luguesa do 6 ao 10 de maio de 2015, está tamén enmarcada na programación cultural deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con achegas financeiras USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.