Skip to main content

‘Un paseo pola música’ da man da Orquestra do Espazo de Cámara da USC

Orquestra do Espazo de Cámara da USC, nunha actuación
Orquestra do Espazo de Cámara da USC, nunha actuación
O recital, hoxe en Lugo, será en Santiago este martes e o mércores en Rianxo

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC ofrece esta semana tres concertos comentados –en Lugo, Santiago e Rianxo– nos que fará unha viaxe pola historia da música desde o Renacemento ata a actualidade, a través da interpretación de pezas de compositores representativos dos distintos movementos artísticos. Para esta ocasión cóntase coa colaboración como solista do acordeonista Javier Díaz-Estébanez, cunha extensa carreira musical que hoxe compaxina coa ensinanza nas escolas municipais de Cedeira e Santiago. Logo deste luns no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, a Orquestra do Espazo de Cámara da USC actuará o martes 5 ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade e o mércores 6 no Auditorio Municipal de Rianxo cun recital que constitúe unha certeira viaxe pola historia da música a partir do século XVI ata a actualidade. O programa Todas as persoas que na Terra moran, de John Dowland, un compositor do Renacemento, é a peza que abre este ‘Paseo pola música’ que logo transitará polo Barroco da man de Bach e o seu Concerto de Brandeburgo nº3 para aproximarse ao Clasicismo co Quinteto op.56 No.3 en Fa Maior 1º mov de F. Danzi e chegar ao Romanticismo coa peza de Tchaikovsky Elexía para orquestra de corda. Dúas melodías elexíacas, de E. Grieg –un dos máximos expoñentes das correntes artísticas agromadas nos chamados Nacionalismos–, For children, unha composición xa do século XX de B. Bartok, e Pigmalion, de Piazzolla (1921-1997) completan o programa do concerto, cuxa entrada é libre e de balde para todo o público interesado. Intérpretes A Orquestra do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz conta para este concerto coa participación de Roberto Santamarina, do CMUS de Santiago; Guillermo Alzugaray, da EMM de Santiago; Iago Lariño, do CMUS Pontevedra; e Sara E. Olianas. A estes profesionais da música hai que sumar un amplo elenco de intérpretes afeccionados, que na actualidade compaxinan a súa participación como instrumentistas na Orquestra co estudo da súa titulación na USC ou mesmo un curso da ESO ou Bacharelato. O grupo que conforma a Orquestra da USC procura de maneira prioritaria a formación musical dos seus membros que, semana tras semana, adquiren un maior compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Dende 2010, a orquestra participou en numerosos proxectos como o aniversario de Debussy co concerto de Arpa e Orquestra do mesmo autor, interpretado pola solista Reyes Gómez; o concerto de Violonchelo de Haydn en Re maior, interpretado por Carlos G. Amigo; un monográfico sobre Astor Piazzolla e outro sobre a música galega onde o solista Gregori Nedobora interpretou o concerto do violinista galego Manuel Quiroga. Máis recentemente, a orquestra interpretou xunto ao coro Vigués Gli Apassionati o Magnificat de J.S. Bach e o Gloria de Vivaldi. Na actualidade, e en colaboración coa Aula de Teatro da USC, a orquestra dirixida por Mario Diz está a realizar unha versión do musical ‘ Sweeney Todd’, de Stephen Sondheim. Participa tamén nas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela dende o seu inicio xunto a Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia como unha das tres orquestras convidadas.

A Orquestra, un proxecto artístico ao que se incorporaron no tempo diversos profesores da Real Filharmonía de Galicia así como outros profesores relevantes do ámbito musical galego, foi recentemente incluída na rede de Orquestras Universitarias Europeas, ENUO, onde participan formacións de máis de 28 nacionalidades.

The contents of this page were updated on 05.04.2015.