O Grupo de Creación Sonora da USC ofrece un concerto de música experimental na Casa do Saber nos ‘Sons Creativos’

O Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) ofrece este mércores, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto de música experimental no marco da sétima edición do programa ‘Sons Creativos. Arte sonora e electroacústica’.
A actuación do GCSUS, un grupo creado a iniciativa de Inmaculada Cárdenas Servián que remonta as súas orixes a 1995, estará precedida dunha sesión de escoitas dunha escolma de obras electroacústicas e de arte sonora, entre as que figuran as composicións ‘Miniaturas sonoras’ (pezas audiovisuais de curta duración), outra estrea absoluta de Inmaculada Cárdenas; ‘Periferias’ (paisaxe sonora en formato audiovisual), de Arturo Vaquero, e ‘Praia das Catedrais’ (música electroacústica con soporte visual), de Inmaculada Cárdenas. Unha vez remata esta sesión de escoitas o GCSUS estreará ‘Equivalencias sonoras’, un programa de música experimental para voz, percusión e electrónica estruturado en tres partes e a través do que os seus autores: Mónica Álvarez, Efraím Díaz e Arturo Vaquero, intentan amosar distintas simboloxías da experimentación e a metáfora do son presente en todo o universo. Na primeira parte, ‘Números’, os músicos dialogan entre eles con articulación curtas e abruptas. En ‘Constelacións’, os autores fan unha viaxe pola simboloxía gráfica do universo creando texturas atonais longas e sostidas. Como colofón, ‘Pentagramas’ retorna a un dos momentos máis coñecidos dos sons da música e á súa presentación en notas musiciais. A entrada para a sesión de escoitas de electroacústica e arte sonora, así como para o posterior concerto a cargo do GCSUS da USC é libre e de balde para todo o público, do mesmo xeito que todas as actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, unha programación que se financia coas achegas financeiras da USC, Concello de Lugo e Deputación de Lugo.