Skip to main content

Unha tese constata a importancia da localización na rendibilidade dos hoteis españois

Rubén Lado (cuarto pola esquerda) cos membrois do xurado e directores da tese
Rubén Lado (cuarto pola esquerda) cos membrois do xurado e directores da tese

A localización exerce unha influenza significativa na rendibilidade, entrada de competidores e a probabilidade de fracaso no sector hoteleiro español. Esta é a principal conclusión obtida por Rubén Lado Sestayo na súa tese de doutoramento titulada ‘Impacto económico-financeiro da localización no sector hoteleiro español’ e pola que acadou a cualificación de Sobresaliente cum laude. A investigación realizada supón unha adaptación dos modelos teóricos de localización e a súa aplicación empírica, con carácter inédito, ao sector hoteleiro español. De xeito particular, os resultados obtidos sinalan que a rendibilidade dos hoteis depende en grande medida da estrutura de mercado e o nivel de demanda en cada un dos 97 puntos turísticos existentes no territorio español, unha vez consideradas outras características propias deste tipo de empresas. Asemade, Rubén Lado subliña no traballo a necesidade de potenciar a mellora do capital humano, dado que xera un efecto de atracción de novos competidores, destacando así a existencia de externalidades de coñecemento. Neste senso, o autor destaca a importancia das políticas públicas como vehículo que permite modificar a situación actual do entorno competitivo, o cal incide directamente na dinámica empresarial. A tese de doutoramento conclúe coa exposición dun modelo de predición da creba empresarial desenvolvido especificamente para o sector hoteleiro, onde non só se inclúen ratios financeiros propios de cada hotel senón tamén variables propias do punto turístico onde opera. Como futura liña de traballo Rubén Lado salienta a necesidade de centrar o foco da análise no estudo de localizacións específicas que caracterizan recursos turísticos relevantes na contorna como, por exemplo, o Camiño de Santiago. Os profesores da USC Luis Otero e Isabel Neira dirixiron a tese de doutoramento que este luns avaliou un xurado integrado por José Antonio Laínez Gadea, da Universidade de Zaragoza; Ignacio Rodríguez del Bosque, da Universidade de Cantabria; Santiago Lago Peñas, da Universidade de Vigo; Anxo Calvo Silvosa, da Universidade da Coruña; e Fidel Martínez Roget, da USC. Actualmente Rubén Lado Sestayo é xestor de innovación na Fundación Ramón Domínguez e membro do grupo de investigación de Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP) da Universidade de Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 05.05.2015.