Skip to main content

A USC lanza entre o persoal docente a campaña ‘Ensinas máis do que cres’

A USC lanza entre o persoal docente a campaña ‘Ensinas máis do que cres’
A USC lanza entre o persoal docente a campaña ‘Ensinas máis do que cres’
Para mellorar a presenza do galego na docencia universitaria

Cando un docente usa o galego o seu alumnado tamén o emprega moito máis. Amparado nun estudo realizado o pasado curso na USC que demostra que un mesmo grupo de clase usa o galego nos exames ata un 70% máis co profesor que lle imparte as clases nese idioma que co que o fai en castelán, o Servizo de Normalización Lingüística da USC lanza a campaña ‘Ensinas máis do que cres’. Dirixida a todo o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago, os responsables universitarios e do Servizo de Normalización Lingüística promotor da iniciativa buscan concienciar a esta comunidade en pleno proceso de elaboración dos Plans de Ordenación Docente (POD) para o vindeiro curso. “A discusión e aprobación dos POD é un momento moi oportuno para reflexionar sobre o papel no uso do galego na docencia e na adquisición de competencias e actitudes lingüísticas por parte do alumnado”, explica o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. O uso do galego na docencia dos graos neste curso 2014-205 é do 21,52% sobre o cómputo de horas de docencia global (máis de 384.000 horas), mentres que o do castelán foi dun 74%. En conxunto, os usos lingüísticos na docencia da USC non son moi equilibrados; “daquela, dificilmente o alumnado vai aprender competencias lingüísticas profesionais e non se favorece a aparición ou consolidación de actitudes positivas tamén cara ao galego”, explica a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva. Co lema ‘Coidas que só ensinas contidos? Ensinas máis do que cres’ transmítese a idea de que os contidos das materias e a terminoloxía específica que aprende o alumnado depende exclusivamente dos docentes, dos acordos tomados á hora de impartir clases, das decisións adoptadas ao aprobar os POD. Pero o alumnado tamén aprende actitudes. Poden deducir que só certas linguas poderosas serven para o exercicio profesional se a maior parte da docencia que reciben se imparte só nelas, ou poden aprender que todas as linguas son válidas. Neste senso, apuntaba a profesora de Veterinaria Marta López Alonso, protagonista da imaxe da campaña xunto ao profesor de Dereito Gumersindo Guinarte, “é importante a inmersión lingüística na vida universitaria; ao alumnado ten que lle notarse que pasou pola Universidade”. Apoio técnico Diante desta situación na que a conduta lingüística do docente determina a propia conduta do estudante, o Servizo de Normalización Lingüística da USC ofrece apoio técnico para aumentar e mellorar o uso do galego na docencia, tanto individualmente como docentes como para departamentos ou áreas. Ademais, pode propoñer estratexias de incorporación do galego adaptadas ás particularidades de cada departamento ou docente como plans a varios anos vista, sistemas de incorporación gradual, formación a medida, asesoramento lingüístico e terminolóxico ou migración lingüística de materiais docentes.

The contents of this page were updated on 05.05.2015.