Comeza o X Curso de Formación Básica en Voluntariado da USC
O Curso de Formación Básica en Voluntariado alcanza a súa décima edición promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC. Este venres 28 ás 16.00 horas dará comezo simultaneamente nos dous campus, na Aula Magna da Facultade compostelá de Matemáticas e na Residencia Universitaria Bal y Gay de Lugo. Arrancando cunha sesión introdutoria á acción voluntaria, as distintas charlas programadas profundarán á atención á diversidade, inmigración e interculturalidade, voluntariado e idade, cooperación e educación para o desenvolvemento, voluntariado e medio ambiente, TIC e participación social e voluntariado e saúde. O programa completarao un cinefórum e a avaliación do conxunto. Ademais desta fin de semana, en Santiago o curso continuará os días 5, 6, 26 e 27 de outubro con experiencias concretas do Centro de Transfusión de Sangue, Sarela, Asperga, Hospital Psiquiátrico, Asociación Cultural Os Tilos, Panxea, Altair, Grupo Scout Khanhiwara, Udal e Upia. En Lugo, logo desta fin de semana as sesións continuarán o 19, 20, 26 e 27 de outubro. As persoas asistentes asistirán a charlas sobre experiencias reais de entidades e asociacións como Aspnais, Alume, Caritas, FSX, Manos Unidas, Cerai, Alucem ou CTG.