Pasar al contenido principal

Unha investigadora da USC acada o primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores para unha universidade española

Paula López é a promotora deste primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores
Paula López é a promotora deste primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores
Este tipo de transistores poden empregarse no deseño de compoñentes para os sistemas utilizados en satélites ou medicina nuclear

A investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) Paula López Martínez obtivo, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, o primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores acadada por unha universidade española. A topografía de semicondutores, que garda o deseño dos circuítos integrados, serve neste caso para protexer unha estrutura que emprega transistores tipo “donut” con xeometrías cadrada, hexagonal e octogonal para amplificadores de alta velocidade e que presentan maiores prestacións que os transistores de topoloxía convencional. O ámbito de aplicación deste tipo de transistores son os circuítos de alta velocidade e baixo consumo de potencia, que teñen a vantaxe de presentar unha inherente robustez fronte á radiación. Así, poderían usarse no deseño de compoñentes de sistemas de medicina nuclear ou de satélites, ambientes nos que a circuitería soporta grandes doses de radiación. Paula López forma parte do Grupo de Visión Artificial do CiTIUS, que conta cunha ampla experiencia no deseño e fabricación de circuítos integrados para tarefas de visión artificial, tales como cámaras de alta velocidade e sistemas de videovixilancia. Topografía de produtos semicondutores Os títulos de protección de topografías de produtos semicondutores son a tipoloxía de propiedade industrial máis recente e refírese aos circuítos integrados electrónicos. O seu obxectivo é protexer o esquema de trazado das capas e elementos que compoñen o circuíto integrado, a súa disposición tridimensional e interconexións, é dicir, os elementos que constitúen a súa "topografía". Esta clase de propiedade industrial ten unha duración de dez anos a partir da fin do ano en que se rexistra a topografía ou se explota por primeira vez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2012.