Senén Barro clausurou en Porto Quintela o simposio que conmemorou os trinta anos de escavación en Aquis Querquennis

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, clausurou este sábado o simposio que se celebrou na vila ourensá de Porto Quintela, en Bande, e co que se conmemoraban os trinta anos do inicio da actividade arqueolóxica no xacemento romano Aquis Querquennis. O encontro organizouno o Grupo Arqueolóxico Larouco, que cumpría tamén tres décadas de existencia.
Ademais dos relatorios académicos, no simposio aproveitouse para presentar o cuarto número da revista Larouco, a primeira fase da exposición ‘Os camiños de Roma na Fisterra de Iberia’ e a memoria ‘Trinta anos de escavación no xacemento romano de Aquis Querquennis’, da autoría do catedrático da USC Antonio Rodríguez Colmenero. Este libro é un referente no seu campo dada a importancia do campamento romano na construción da Vía Nova romana de Braga a Astorga como vía de penetración dos romanos en Galicia e de conexión co resto da península; unha Vía, apuntou o profesor, “que podería ser declarada proximamente Patrimonio da Humanidade”.
Traballos de recuperaciónAquis Querquennis é un extenso complexo arqueolóxico formado por un antigo campamento romano, un poboado e unha mansión sitos na beira do que no seu día foi a Vía Nova, unha calzada romana que discorría entre Braga e Astorga. Antonio Rodríguez Colmenero e o Grupo Arqueolóxico Larouco, do que é director, participan dende 1975 nos traballos de recuperación do conxunto arqueolóxico-paisaxístico articulado arredor do xacemento romano emprazado entre as vilas de Baños e Porto Quintela (Bande, Ourense).
Para continuar cos traballos de recuperación e promoción deste xacemento e da Vía Nova romana constituíuse en 1999 a Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova, promovida pola Universidade compostelá, a Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Grupo Larouco, o Concello de Bande, Unión Fenosa e a Deputación Provincial de Ourense, e na que forman parte do padroado Antonio Rodríguez Colmenero e Carlos A. Gómez Otero, da Universidade de Santiago. Ademais das ruínas, a Fundación conta cun centro para investigadores e o Centro de Interpretación, que en 2006 tivo máis de seis mil visitas.