Pasar al contenido principal

Congreso Internacional Xacobeo ‘O Camiño de Santiago, encontro de culturas. Unha filosofía da hospitalidade’

13.11.2025-15.11.2025

Hostal dos Reis Católicos e Afundación
Santiago

Imaxe de arquivo de peregrinos na Praza do Obradoiro. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo de peregrinos na Praza do Obradoiro. FOTO: Santi Alvite

Os días 13, 14 e 15 de novembro desenvolverase o Congreso Internacional Xacobeo que organiza a Academia Xacobea, en colaboración coa Sociedade Interuniversitaria de Filosofía, a Sociedade Galega de Estudios Nipóns e o Foro Galicia Milenio. A xornada do día 13, no Hostal dos Reis Católicos, conformará o 'I Encontro Internacional Xacobeo' no que participará profesorado de diversas universidades de España e Europa que son membros da Academia Xacobea para reflexionar sobre a importancia do Camiño de Santiago como encontro de culturas.

O venres 14 o congreso trasládase á Facultade de Filosofía da USC e estará dedicado, na sesión de mañá ao V Simposio Internacional de Estudios Nipóns e na sesión de tarde aos XVIII Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago. Ao longo do día participarán profesores de universidades xaponesas, italianas, portuguesas, españolas e por suposto da propia USC. Ese mesmo día pola tarde preséntase o libro de Antonio Pieretti, Filosofía y sentido de la vida. Discursos compostelanos, publicado pola editorial Sindéresis e coordinado por Marcelino Agís, que recolle os discursos pronunciados nos Encontros composteláns do filósofo italiano, finado en 2022.

Finalmente, o sábado 15 de novembro, a sesión terá lugar na sede Afundación da Rúa do Vilar e desenvolverá o V Simposio Internacional de Pensamento Galego. Nesta ocasión, o foro centrarase na figura de Castelao, que diversos profesores da USC tratarán baixo unha mirada filosófica da obra deste rianxeiro universal.

Asemade, a Sociedade Interuniversitaria de Filosofía fará entrega do V Premio Sapientia, un recoñecemento honorífico para unha longa e meritoria traxectoria académica, que nesta edición recaerá no profesor Ángel González Fernández. O Congreso conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia-Xacobeo da Xunta de Galicia e colaboran a USC e Afundación. As inscricións están abertas e poden facerse a través de correo electrónico marcelino.agis [at] usc.es (marcelino[dot]agis[at]usc[dot]es)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2025.